A Xunta outorgou axudas económicas a 235 vítimas de violencia de xénero durante o primeiro semestre de 2017

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa o balance dos servizos e recursos postos á disposición das vítimas de violencia de xénero na primeira metade do ano

Atendeu a 523 persoas a través do programa de atención e apoio psicolóxico

O teléfono de información ás mulleres recibiu máis de 1.900 chamadas nestes seis meses, a maioría delas solicitando atención psicolóxica ou orientación sobre os recursos dispoñibles

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa o balance dos datos das axudas, servizos e recursos que o Goberno galego puxo a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o primeiro semestre de 2017.

Na primeira metade do ano, a Xunta concedeu axudas económicas a 235 mulleres vítimas de violencia de xénero -isto é, 58 máis que no primeiro semestre de 2016-, a través das distintas liñas que ten habilitadas: axudas anuais con pagamentos mensuais; axudas anuais de pagamento único; e expedientes de concesión de indemnizacións.

Tamén atendeu a 523 persoas a través do programa de atención psicolóxica que desenvolve en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que está dirixido a mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos menores ou persoas dependentes ao seu cargo. Isto supuxo aumentar nun 25% a atención en comparación co mesmo período do ano anterior.

Existe tamén outro recurso en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía, neste caso orientado a homes con problemas de control de violencia no ámbito da parella e da familia: o programa ‘Abramos o círculo’. Ao abeiro desta iniciativa, téñense beneficiado un total de 69 homes no primeiro semestre.

No ámbito de recursos dispoñibles para axudar ás vítimas a saír da súa situación, López Abella salientou os bos resultados acadados polo programa de inserción laboral posto en marcha en 2016 polo Goberno galego de forma pioneira, e que o Consello da Xunta vén de renovar recentemente. Desde a súa posta en marcha e ata o primeiro semestre de 2017, participaron nel un total de 529 mulleres que recibiron orientación, formación e recursos para poder mellorar a súa empregabilidade.

Ademais das axudas económicas ou de cara a inserción laboral, así como da atención psicolóxica, Galicia conta tamén cunha Rede de acollemento composta por 5 centros de acollida (A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo e Culleredo) e o Centro de Emerxencia de Vigo. Durante estes seis meses, acolleron temporalmente a 162 persoas (84 mulleres e 78 menores). Pola súa banda, o Centro de Recuperación Integral de Santiago de Compostela atendeu a 24 persoas na primeira metade do ano. Este Centro, aberto a mediados de 2014, actúa como coordinador para o acceso a Rede galega de acollemento.

Xa para rematar o percorrido polos principais recursos ofertados polo Goberno galego, López Abella indicou que o teléfono de información ás mulleres -900400273, conveniado co 016- recibiu no primeiro semestre máis de 1.900 chamadas. A maioría delas solicitaron atención psicolóxica (44,8%), orientación sobre recursos (29,09%) ou información na área xurídica (14,34%).

Denuncias e medidas de protección

Na comparecencia de prensa, a secretaria xeral da Igualdade informou tamén do número de denuncias presentadas durante o primeiro trimestre de 2017, de acordo cos últimos datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Durante eses tres meses, presentáronse 1.574 denuncias, a gran maioría delas na provincia da Coruña e Pontevedra. No mesmo período do ano pasado, o número de denuncias foi de 1.355.

Na primeira metade do ano os xulgados comunicaron un total de 832 medidas de protección, fronte ás 420 ditadas nos primeiros seis meses de 2016. Ademais, un total de 515 mulleres contaron con protección móbil e 28 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde de afastamento.

Para rematar, López Abella recordou que desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son 14 os procedementos nos que se personou, correspondendo un deles ao primeiro semestre de 2017.

Tema: