A Xunta outorga axudas a preto de 70 entidades de iniciativa social que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O orzamento total destas subvencións ascende a máis de 1,4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017.- Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Igualdade das axudas destinadas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolven programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Ao abeiro desta convocatoria, dotada con máis de 1,4 millóns de euros cofinanciados polo Fondo Social Europeo, recibirán axudas preto de 70 entidades de iniciativa social de toda Galicia.

Segundo viña recollido nas bases, realizarase un primeiro pagamento do 80% da contía da subvención concedida, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución. O 20% restante abonarase posteriormente, despois de que as entidades acheguen a xustificación necesaria. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade é de 40.000 euros.

As axudas financiarán programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a colectivos de mulleres que se atopan en situación de especial vulnerabilidade como: vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica; de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas; inmigrantes; emigrantes retornadas ou refuxiadas; pertencentes a unha minoría étnica; ou reclusas, entre outras. Tamén son obxecto de subvención os programas de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade, con fillas ou fillos menores de tres anos.
Máis en concreto, as actuacións que se subvencionan deberán encadrarse en servizos de orientación e información sobre recursos singularizados de atención, orientación e asesoramento persoal e social, ou de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social. Tamén se encadran outros recursos como servizos de atención psicolóxica, asesoramento xurídico, e mediación intercultural e/ou familiar; actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade; e servizos ou medidas de apoio e orientación laboral para a mellora da empregabilidade e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento.

En definitiva, con estas axudas, o Goberno galego persegue fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, coa finalidade de que poidan acadar unha maior autonomía e independencia para mellorar a súa situación persoal, social e laboral, mediante o apoio a programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada.

Tema: