A Xunta ofrecerá 5.000 prazas de teleformación gratuíta en igualdade laboral ao longo de 2022

O Goberno galego lanzará unha vintena de cursos novos en 2022 que afondarán na auditoría retributiva das empresas, na desconexión dixital ou na corresponsabilidade

Máis de 3.000 persoas recibiron formación da Xunta en 2021 sobre estas cuestións

Máis de dous millóns de euros do orzamento galego para este ano destinarase a medidas para o fomento da igualdade no traballo

Galicia é a única comunidade que conta cun espazo virtual de teleformación en materia de igualdade laboral como medida para loitar contra as fendas de xénero

Multimedia

A Xunta ofrecerá 5.000 prazas de teleformación gratuíta en igualdade laboral ao longo de 2022
Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2022.-
 
A Xunta está a apostar con decisión na comunidade pola formación específica en materia de igualdade laboral. En 2022 ofertará 5.000 prazas en cursos gratuítos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.
 
En 2021 máis de 3.000 persoas xa recibiron o seu certificado de aproveitamento vinculado á formación en igualdade laboral ofrecida de maneira gratuíta pola Administración autonómica, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual. Desde o seu inicio o pasado outubro esta plataforma duplicou o número de usuarios dados de alta que acada na actualidade os 1.576.
 
Isto foi posible grazas á posta en funcionamento no mes do novidoso espazo de teleformación en igualdade laboral, unha plataforma dirixida a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial no eido da igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres.
 
Unha das actividades de maior éxito foron os cursos de igualdade laboral de 35 horas. Para atender á demanda, o Goberno galego vén de lanzar unha nova edición dirixida a 200 persoas, co obxecto de que reciban os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade.
 
En 2021 púxose o foco na sensibilización en materias vinculadas principalmente á igualdade de oportunidades e a non discriminación no ámbito laboral a través de novidosas accións formativas entre as que destacaron, ademais deses cursos en igualdade laboral de 8 e 35 horas para facilitar ao tecido empresarial galego os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade no seo das organizacións; o curso teórico-práctico, de 10 horas de duración, sobre a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo; ou a acción sobre a aplicación do rexistro retributivo nas empresas, sobre o traballo a distancia ou sobre a corresponsabilidade e a conciliación, entre outros.
 
Consciente de que as persoas traballadoras e as empresas están a aproveitar o novidoso espazo de teleformación de igualdade laboral, a Xunta programará en 2022 vinte novas accións formativas gratuítas: 10 talleres temáticos, 3 transversais, 6 complementarios e 1 curso especializado en materia de auditoría retributiva e valoración de postos de traballo. Este último ofertará 104 horas de formación, con temas como a prevención da violencia de xénero nos plans de igualdade; a aplicación do principio de igualdade nos protocolos de desconexión dixital e teletraballo; a igualdade de trato no emprego público; ou a protección social.
 
Os orzamentos do Goberno galego reservan para 2022 máis de 2,2 millóns para o fomento da igualdade laboral, cos que se seguirá a apoiar aos axentes sociais e empresariais nos seus plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva; así como á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial por razón de xénero; e se subvencionará ás empresas e particulares que implanten plans de igualdade e medidas de conciliación.
 
Tema: