A Xunta oferta o próximo curso a materia de 'Coeducación para o século XXI' para o alumnado de bacharelato

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron a nova materia no IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa

Esta materia de libre configuración autonómica, cunha carga lectiva de dúas horas semanais, completa a de “Igualdade de xénero” que se oferta na ESO

O obxectivo é impulsar un cambio de valores, actitudes, roles e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero a través dun modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes en todas as súas dimensións

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron a nova materia no IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron a nova materia no IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron a nova materia no IES Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa
Vilagarcía de Arousa, 18 de xuño de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron a nova materia de libre configuración autonómica Coeducación para o século XXI, no IES Castro Alobre, que ten como obxectivo impulsar un cambio de valores, actitudes, roles e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero a través dun modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes en todas as súas dimensións.
 
Esta nova materia enmárcase dentro do I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia-2016-2020 que sitúa a coeducación na axenda da Administración educativa. Ademais o VII Plan Estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 ten unha das súas Areas estratéxicas a " Igualdade na Educación e nos valores" promovendo este cambio de valores, actitudes, roles e estereotipos.
 
A Xunta leva traballando dende o ano 2016 en prol da Igualdade e prevención da Violencia de Xénero nos centros educativos da nosa comunidade, coa posta en marcha deste I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, se procura acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria a través da formación e a educación dos mozos e mozas. Ese mesmo ano púxose en marcha a materia de Libre Configuración Autonómica “Igualdade de Xénero” para o curso 2016-2017, de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), para concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e, deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia.
 
Coa oferta de Coeducación para o século XXI como nova materia de libre configuración autonómica na etapa de bacharelato para o vindeiro curso 2018/19, complétase o círculo aberto pola de “Igualdade de xénero”, que actualmente a cursan máis de 800 estudantes de 30 centros escolares.

Conexión coa realidade social

Coeducación para o século XIX é unha manifestación concreta dos mandatos citados que contribúe á inclusión da igualdade de xénero e a prevención da violencia no currículo do bacharelato, abordando o concepto de coeducación en toda a súa diversidade e en conexión directa coa inmediata realidade social, de tal xeito que o coñecemento adquirido non se limite a un ámbito teórico, senón que sexa unha ferramenta de comprensión da desigualdade por razón de xénero, analizando a evolución histórica, a situación actual e reflexionando sobre todos os aspectos que cómpre mudar como condición necesaria para acadar unha plena igualdade de oportunidades e de integración plena das persoas na nosa sociedade.

Esta materia consta de 4 bloques, a “Historia dos feminismos. Do patriarcado á reivindicación do principio de igualdade”; “Feminidades e masculinidades. A construción de identidades igualitarias”; “Expresión social da violencia contra as mulleres”; “Proxecto coeducativo”, supón a elaboración dun proxecto, como produto final de materia, que consiste na posta en práctica de moitas das reflexións e aprendizaxes que se vaian desenvolvendo na aula ao longo do curso. Trátase de estudar un determinado ámbito e deseñar unha acción coeducativa que poida supoñer un impacto de cambio.

Tema: