A Xunta motiva ás nenas e mulleres novas ao emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina nas TIC

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interviñeron este xoves no Día Internacional das “Rapazas nas TIC” (Girls in ICT)

O acto estivo dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das TIC

  •  A Xunta motiva ás nenas e mulleres novas ao emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina nas TIC
  •  A Xunta motiva ás nenas e mulleres novas ao emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina nas TIC
  •  A Xunta motiva ás nenas e mulleres novas ao emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina nas TIC

Santiago de Compostela, 25 de abril.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, interviñeron hoxe no Día Internacional das Rapazas nas TIC, acto dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres emprendedoras no eido das tecnoloxías de comunicación e información, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos institutos de secundaria de Galicia. No acto participaron máis de 400 alumnos e alumnas de primaria e secundaria.

Na súa intervención, a secretaria xeral cifrou, segundo datos do Foro Económico Mundial, só nun 6% as mulleres CEO de industrias tecnolóxicas. Para López Abella o sector das TIC necesita novos talentos, en paralelo cos datos da Comisión Europea, que prognosticou para Europa un déficit de formación de máis de 500.000 postos de traballo nas tecnoloxías da información e a comunicación para 2020. Isto débese a que non hai suficientes estudantes formándose en matemáticas, enxeñería, informática ou ciencias. Para a secretaria xeral, o escaso número de mulleres estudantes de carreiras técnicas e un agravante da problemática xeral.

As razóns polas que a porcentaxe de rapazas é baixo son múltiples, relatou López Abella, pero destacou a falta de coñecemento das opcións dispoñibles no mundo das TIC, a falta de modelos próximos e de proxectos divertidos e interesantes no ámbito escolar. Por iso, a Secretaría Xeral da Igualdade puxo en marcha este ano o Proxecto Nin + nin -, iguais, co obxectivo de rachar con estes prexuízos e facer ver que tanto mulleres como homes estamos capacitadas e capacitados para calquera profesión.

Neste contexto, para a secretaria xeral da Igualdade é necesario que as mulleres sexan parte activa na creación das tecnoloxías que marcan o día a día. Por iso o programa Rapazas nas TIC está deseñado para ofrecer unha serie de actividades de visualización e participación positiva das mulleres no eido das TIC, ademais de ofrecer ás alumnas a participación en accións de creación no ámbito das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.

Patricia Argerey, pola súa parte, tamén defendeu a importancia de incrementar a presenza das mulleres nas TIC tanto a nivel europeo como estatal e galego, e incidiu en que non se pode desperdiciar todo ese talento. Por este motivo, confiou en que o exemplo e experiencia das mulleres que participaron no acto sirva para animar ás rapazas a considerar este ámbito entre as súas futuras opcións académicas e profesionais.

A directora de Gain quixo recoñecer, ademais, o papel que o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) está desenvolvendo de forma activa a prol do aumento da porcentaxe feminina no sector das TIC con programas que tratan de promover o emprendemento entre rapazas de secundaria e bacharelato.

Tema: