A Xunta mantén unha xuntanza ca asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo

A titular de Igualdade mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación onde lle informou das liñas de axuda ao emprendemento feminino que ten en marcha a Xunta

Multimedia

Susana López Abella na reunión coas representantes de AELU

Santiago, 14 de marzo de 2013. A secretaria xeral de Igualdade mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, Beatriz Varela, que ase mesmo é tamén a presidenta da Federación de empresarias de Galicia, e representantes da mesma.

Susana López Abella informoulles das liñas de axuda que o departamento levará a cabo este ano para fomentar o emprendemento feminino para que as mulleres emprendedoras se integren no sector produtivo galego poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas profesionais, xa que en Galicia o crecemento do autoemprego e das iniciativas empresariais está sustentado nunha ampla porcentaxe por mulleres.

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) é unha entidade sen ánimo de lucro, fundada no ano 1988, e que representa máis de 150 empresas. Levan a cabo diferentes actividades baixo a premisa de promover e defender os valores humanos, sociais e profesionais da muller na súa condición de empresaria, establecendo como obxectivo fundamental a integración e fomento do asociacionismo entre as mulleres empresarias, executivas e directivas de empresas, sen esquecer a figura da emprendedora, que conta desta forma co apoio imprescindible da Asociación e os seus compoñentes tanto no inicio da súa actividade coma ao longo de toda a súa vida empresarial, apoiándoa dende a idea orixinal ata chegar á maduración e consolidación do seu negocio.