A Xunta mantén todas as axudas e recursos orzamentarios destinados á atención ás vítimas de violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia coas representantes dos Centros de Información á Muller (CIM)

Os 82 CIM que hai en Galicia seguen prestando atención por vía telefónica, telemática e mesmo presencial nos casos graves

A Xunta puxo en marcha un Plan de reforzo de atención ás vítimas durante o Estado de Alarma que inclúe medidas como a ampliación do bono alugueiro social ou a garantía de recursos de acollida para aquelas mulleres que o precisen

  •  A Xunta mantén todas as axudas e recursos orzamentarios destinados á atención ás vítimas de violencia de xénero
  •  A Xunta mantén todas as axudas e recursos orzamentarios destinados á atención ás vítimas de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2020.-

A Xunta segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, o mantemento dos Centros de Información á Muller ou as casas de acollida.

Así o explicou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter unha reunión por videoconferencia con representantes dos Centros de Información á Muller de Galicia (CIM), na que tamén participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. No encontro virtual participaron as representantes da directiva da Asociación de Profesionais dos CIM (Asocim) e de centros dalgúns concellos.

A reunión de hoxe encádrase dentro dunha liña de comunicación constante. Os Centros de Información á Muller son de titularidade municipal e “son o primeiro recurso ao que acoden moitísimas mulleres, non só para a demanda de información, senón en moitos casos cando están sufrindo violencia de xénero”, destacou o vicepresidente.

A Xunta financia o seu mantemento todos os anos. En 2020 esta liña de axudas ascende a 4,4 millóns de euros, e o investimento supera os 39,5 millóns de euros se se computa desde 2009.

En Galicia hai funcionando actualmente un total de 82 CIM, espallados por todo o territorio. Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención por vía telefónica e telemática, e mesmo ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade.

O vicepresidente fixo un chamamento ás mulleres que poden estar sufrindo violencia de xénero durante o confinamento e animounas a “denunciar, saír desa vivenda e que saiban que a Xunta de Galicia lles axudará e dará recursos para que teñan un sitio a onde ir e non teñan que estar confinadas co seu agresor”.

Ademais, sinalou que consta que hai situacións que non se están denunciando durante este período pero que “cando acabe o confinamento necesitan ser atendidas, porque sairán á luz. Por iso, xa estamos falando cos CIM para prever esta situación e estar preparados para atender ás vítimas”.

Plan de reforzo de atención ás vítimas

A Xunta puxo en marcha, desde o primeiro momento, un Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero.

Este Plan inclúe, entre outras medidas, a ampliación do bono alugueiro social para as vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e, en caso de precisarse máis prazas, habilitáronse vías alternativas, como a posibilidade de usar hostais ou pensións dentro do acordo coas Federacións de empresas hoteleiras; ou as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública que conta con cuartos habilitados. En todos estes casos constituiríanse grupos de intervención e apoio psicolóxico, social e de asesoramento xurídico e o traslado das vítimas facilitarase mediante a colaboración coa Federación Galega do Taxi.

Recentemente, tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus.

Tamén se mantén activo servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.

Continúa funcionando o servizo de quenda de garda psicolóxica permanente e especializada que presta apoio nos momentos iniciais de presentación da denuncia; e o apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás Vítimas que funcionan nas sedes xudiciais das sete cidades galegas.

Mantéñense operativos -en liña, por teléfono ou por correo electrónico- os servizos administrativos de carácter esencial para as vítimas, e o pago de todas as axudas económicas, que ademais seguirán a tramitarse na sede electrónica da Xunta.