A Xunta lanzará en novembro novos cursos gratuítos no campus virtual de igualdade laboral para introducir a perspectiva de xénero na empresa

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na inauguración do V Congreso Empresarias de Galicia onde referendou o compromiso da Xunta coa igualdade laboral e coa formación nesta materia

Por medio dos talleres virtuais búscase favorecer a conciliación e a corresponsabilidade e unir ao mundo empresarial na tolerancia cero contra o acoso por razón de sexo

Mancha defendeu a incorporación da saúde laboral con perspectiva de xénero ás organizacións e a loita decisiva contra os teitos de cristal

  • A Xunta lanzará en novembro novos cursos gratuítos no campus virtual de igualdade laboral para introducir a perspectiva de xénero na empresa
  • A Xunta lanzará en novembro novos cursos gratuítos no campus virtual de igualdade laboral para introducir a perspectiva de xénero na empresa

Vigo, 28 de outubro de 2021.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na apertura do V Congreso de Empresarias de Galicia, ocasión que aproveitou para referendar o compromiso da Xunta para a formación do mundo empresarial en materia de igualdade laboral, co fin de favorecer a conciliación e a corresponsabilidade, romper teitos de cristal e implantar a tolerancia cero ante o acoso sexual, entre outros.
A Xunta mantén unha firme aposta pola formación en materia de igualdade laboral. Así, Mancha recordou que o Goberno galego ven de presentar un espazo virtual pioneiro e innovador (www.aigualdadelaboral.gal) que aglutina a formación que, con carácter gratuíto, se está a impartir para incorporar a perspectiva de xénero ás organizacións.
Mancha anunciou que a partir de novembro ampliarase o catálogo formativo do Campus, que conta xa con cerca de 900 usuarios, “para potenciar a aplicación da perspectiva de xénero e o fomento da igualdade na cultura da empresa, do persoal e doutras persoas ou entidades colaboradoras”.
Entre outros obxectivos, a directora xeral apuntou que con estes talleres virtuais “búscase garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dentro do ámbito empresarial e integrar a perspectiva de xénero de maneira transversal na xestión dos recursos humanos e na cultura e valores da empresa”.
Por outra banda incidirán, segundo manifestou, en favorecer a corresponsabilidade e facilitar a conciliación, promocionar a saúde laboral con perspectiva de xénero e avanzar cara a rotura dos teitos de cristal.
“Queremos tamén visibilizar ás mulleres a través dunha comunicación inclusiva e non sexista e promover a tolerancia cero ante o acoso sexual e acoso por razón de sexo”, manifestou.
Mancha quixo resaltar no acto de hoxe o papel de Empresarias de Galicia, unha asociación que, como a Xunta, ten como fin a persecución da igualdade de oportunidades, a potenciación do emprendemento feminino e a iniciativa privada das mulleres así como o intercambio de experiencias e a colaboración entre as súas socias.

 
Tema: