A Xunta lanza unha guía innovadora con máis de 150 preguntas e respostas acerca da implantación de plans de igualdade laboral nas empresas

A Xunta quere axudar ao tecido empresarial galego na negociación e posta en marcha destas ferramentas para avanzar na igualdade laboral entre homes e mulleres

A guía está a dispor das entidades na web: aigualdadelaboral.gal

Inclúe respostas acerca da negociación dos plans de igualdade, da auditoría retributiva, da diagnose na empresa e do control administrativo e xudicial das medidas, entre outros contidos

Multimedia

A Xunta lanza unha guía innovadora con máis de 150 preguntas e respostas acerca da implantación de plans de igualdade laboral nas empresas
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2022.-
 
A Xunta vén de reunir nunha publicación electrónica as preguntas e respostas máis frecuentes na elaboración dos plans de igualdade nas empresas, de obrigado cumprimento para as entidades con máis de 50 traballadores segundo a lexislación vixente. A guía, de carácter innovador, pretende arroxar luz sobre máis de 150 cuestións relacionadas con aspectos conceptuais e de posta en marcha destes plans cos que se pretende avanzar na igualdade efectiva de homes e mulleres na contorna laboral.
 
Con este documento, a Xunta ofrece ás empresas, axentes sociais e operadores xurídicos unha ferramenta práctica enfocada a aclarar as dúbidas que poidan xurdir durante as fases da negociación, deseño e aplicación dun plan de igualdade. Trátase de informar e formar sobre as máis recentes novidades lexislativas nesta materia e, sobre todo, de guiar ás empresas galegas na implantación desta ferramenta fundamental para loitar contra as fendas de xénero no eido laboral.
 
Todas as empresas que conten con cincuenta ou máis persoas traballadoras nos seus cadros de persoal teñen a obriga de negociar e executar plans de igualdade. A normativa aplicou este precepto de xeito paulatino que xa resulta un deber para as firmas con entre 100 e 250 empregados. No caso das empresas de 50 a 100 persoas contratadas, o prazo límite para dispor destas ferramentas vence o próximo 8 de marzo.
 
Nas firmas de menor dimensión, a elaboración e posta en marcha dos plans adquire carácter voluntario e a aposta polos mesmos enmarcarase no ámbito das medidas de responsabilidade social corporativa que desexen emprender.
 
A Guía estrutura as preguntas e respostas en sete apartados nos que se fala dunha aproximación conceptual aos plans de igualdade; a negociación dos mesmos; o diagnóstico da situación na empresa; o rexistro retributivo e a auditoría retributiva como parte desa diagnose; o deseño e contido do plan; o seu rexistro; o seguimento, avaliación e revisión do plan; e o control administrativo e xudicial destas ferramentas.
 
A guía está a dispor das persoas interesadas na páxina web de igualdade laboral da Xunta: www.aigualdadelaboral.gal.
 
A súa edición enmárcase no conxunto de actuacións que a Xunta está a desenvolver de xeito decidido para a promoción da igualdade de oportunidades e a non discriminación no ámbito laboral. Como a posta en marcha dun pioneiro campus virtual que xa permitiu conceder 3.000 certificados de aproveitamento a galegas e galegos que participaron nos cursos gratuítos impartidos a través da plataforma ou a creación. Ou o lanzamento do paquete de ferramentas tecnolóxicas en materia de igualdade laboral e de oportunidades para o tecido empresarial galego a través da web www.aigualdadelaboral.gal, onde se pon a dispor das empresas outro manual para a elaboración de plans de igualdade no seo das organizacións, así como unha aplicación electrónica pioneira de autodiagnose en materia de equidade no traballo.
 
En 2022 a Xunta seguirá a desenvolver accións específicas nesta materia. A Consellería de Igualdade, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, destinará un investimento de máis de 2 millóns de euros a financiar os novos contidos do seu campus virtual e apoiar os plans de igualdade, as medidas de flexibilidade laboral nas empresas e o teletraballo, entre outros.
 
Tema: