A Xunta inviste máis de 3,7 millóns de euros en 216 concellos para promover a igualdade real entre mulleres e homes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa os resultados desta convocatoria

O orzamento distribúese en tres liñas de axuda: apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), fomento da conciliación, e prevención e tratamento integral da violencia de xénero

Ante a alta demanda, a Xunta vai ampliar en case 255.000 euros o orzamento destinado ás iniciativas para conciliar a vida laboral, persoal e familiar

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa os resultados desta convocatoria
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa os resultados desta convocatoria
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018.- A Xunta investirá algo máis de 3,7 millóns de euros en financiar distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes nun total de 216 concellos galegos. Así o explicou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que detallou os resultados desta convocatoria de axudas.
 
O financiamento, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, distribúese en tres programas: apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), fomento da conciliación prevención e tratamento integral da violencia de xénero. A través destas liñas, financiaranse actuacións en 65 concellos da Coruña, 59 de Ourense, 47 de Pontevedra e 45 de Lugo. Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos, priorizando así a xestión conxunta e eficaz dos recursos públicos.
 
A maior parte dos 3,7 millóns destinarase a financiar o persoal que traballa nos CIM de Galicia. En concreto, recibirán algo máis de 3 millóns de euro que axudarán a manter ás aproximadamente 200 persoas que traballan en 80 centros en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
 
Por outra banda, destinaranse uns 172.000 euros ao programa de prevención e tratamento integral de violencia de xénero, que chegará a 26 concellos. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.
 
Xa por último, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con algo máis de 522.000 euros para financiar accións en 52 concellos galegos. Ao respecto, a secretaria xeral adiantou que esta liña se vai incrementar dada a elevada demanda rexistrada este ano por parte dos concellos. Así, está previsto incrementar o seu orzamento en case 255.000 euros para chegar a 31 concellos máis, de modo que o total de entidades locais beneficiarias ascendería a 83.
Tema: