A Xunta instalará puntos de información contra as agresións sexuais en citas con ampla concentración de persoas de concellos das catro provincias

O Goberno galego está a desenvolver a campaña ‘Agresión Off’ dirixida a formar e informar contra a violencia sexual en festas, festivais, concentracións turísticas e outras citas nas que se congregue un amplo número de persoas

Concellos das catro provincias xa solicitaron a súa adhesión a esta iniciativa que supón a instalación de puntos públicos de atención para sensibilizar á xente máis nova e prevela ante posibles ataques durante a celebración dos eventos

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022.-

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha nova edición da campaña Agresión Off para sensibilizar á cidadanía, en especial á poboación máis nova, contra das violencias sexuais, e outorgarlle a información necesaria para facerlle fronte. Desde o pasado 26 de setembro, o Goberno galego, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a instalar puntos de información pública en festivais, concertos e eventos que se celebran por toda Galicia co obxectivo de chegar ás mozas e mozos que se congregan nos mesmos.

O obxectivo é chegar ata final de ano a instalar estes dispositivos en medio centenar de eventos que se celebran en concellos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

O Goberno galego considera clave estar presente nos eventos que congregan un número grande de persoas, nos que as mulleres se amosan máis vulnerables ante posibles abusos e agresións machistas físicas ou verbais.

Os stands nos que participa a Xunta de Galicia ofrecen información contra a violencia sexual e, no seu caso, previa formación do persoal de seguridade despregado no evento. Inclúense actividades lúdico formativas con dinámicas de participación activa a través do xogo con materiais pedagóxicos de igualdade e talleres para persoas adultas e menores de idade.

A campaña pretende concienciar á cidadanía sobre a violencia sexual en particular e contra a violencia de xénero. Trátase de aportar formación e información acerca de como prevela, detectala e combatela, outorgando ás persoas que se achegan a estes puntos pautas para que poidan actuar.  

A presenza en citas con ampla asistencia de público permite, por outra banda, chegar ás persoas novas e incidir na súa sensibilización sobre actitudes igualitarias tanto nas relacións sociais como de parella. Quérese facer énfase na identificación das múltiples formas de micromachismos e violencias cotiás que sofren as mulleres e promover modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

As accións de información levaranse en medio centenar de eventos e durante os horarios de maior afluencia de público: festivais, festas, concentracións turísticas, entre outros. A Xunta aspira a que estes espazos informativos se convertan en  puntos de referencia na información especializada sobre estas lacras.