A Xunta inicia unha serie de actuacións encamiñadas a facilitar o acceso das mulleres xestantes ao transporte público

A Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Mobilidade distribuirán 20.000 dípticos con recomendacións para que as embarazadas viaxen seguras

As actuacións enmárcanse dentro do Plan integral de apoio á muller embarazada 2012-2014

Santiago, 6 de outubro de 2013A Xunta inicia unha serie de actuacións encamiñadas a facilitar o acceso das mulleres xestantes á rede de transporte público regular e a acadar a certificación de calidade dos servizos de transporte público por estrada de uso xeral.

A Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Mobilidade puxeron en marcha estas actuacións encadradas dentro do Plan integral de apoio á muller embarazada 2012-2014 e que comezarán coa difusión entre o sector do transporte público -especialmente taxis- dun código de boas prácticas que facilite a súa utilización por parte das mulleres xestantes.

Así, esta previsto distribuír 20.000 dípticos e 5.000 carteis que baixo o título “Móvase no transporte público dunha forma segura” aglutinan unha serie de recomendacións, como a forma correcta de usar o cinto de seguridade, o uso de portas e asentos especificamente sinalizados ou como afrontar unha viaxe de longo percorrido. O reparto farase en CIMs, concellos, asociacións do taxi e estacións de autobuses, entre outros lugares.

Esta campaña ten coma obxectivos sensibilizar ao sector do transporte sobre a necesidade de adaptación do transporte público ás necesidades no seu uso das mulleres xestantes; así como de divulgar boas prácticas para o desfrute deste tipo de transporte polas mulleres embarazadas ou con fillos pequenos.

Plan de apoio á muller embarazada
O Plan integral de apoio á muller embarazada foi aprobado polo Consello da Xunta en xaneiro do ano pasado e está especialmente orientado a xestantes en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión social, mulleres inmigrantes, menores de idade, estudantes e xestantes con discapacidade ou incapacidade xudicial.

O seu obxectivo consiste en por á disposición das xestantes un abano de recursos sociais, sanitarios e educativos que garantan o dereito á maternidade. O plan da cumprimento ao mandato da Lei 5/2010 do 23 de xuño, polo que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, en resposta ás dificultades detectadas nalgúns casos para levar adiante o embarazo por parte de mulleres que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

Tema: