A Xunta informa en Vigo das novas axudas do Programa de inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero

A iniciativa, posta en marcha por primeira vez o pasado ano, ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das mulleres vítimas de violencia de xénero para conseguir a súa independencia económica e persoal

O orzamento para este ano e o próximo supera os 800.000 euros

A secretaria xeral da Igualdade mantivo hoxe un encontro con asociacións de mulleres, representantes dos CIMs e persoal de Igualdade da Delegación de Vigo

  • A secretaria xeral da Igualdade mantivo hoxe un encontro con asociacións de mulleres, representantes dos CIMs e persoal de Igualdade da Delegación de Vigo
  • A secretaria xeral da Igualdade mantivo hoxe un encontro con asociacións de mulleres, representantes dos CIMs e persoal de Igualdade da Delegación de Vigo

Vigo, 6 de setembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou esta mañá a nova liña de axudas do programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, representantes dos CIMs (Centros de Información á Muller) e persoal adscrito a esta área da Delegación territorial de Vigo.

O motivo da presentación foi a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas do programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero que o Goberno galego impulsou de forma pioneira a nivel estatal o pasado ano. A iniciativa dispón dun orzamento de algo máis de 800.000 euros —cofinanciados polo Fondo Social Europeo— que se distribuirán entre este ano e o que vén.

A convocatoria, da cal poden ser beneficiarias entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, ten por obxecto desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero. A inserción sociolaboral é un mecanismo fundamental e clave para acadar a independencia económica e persoal necesaria para rachar os vínculos co agresor. Con esta iniciativa, a Xunta mantén o compromiso de articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias, a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo.

Accións subvencionables

A convocatoria comprende tres tipos fundamentais de accións subvencionables. A primeira son os itinerarios de inserción, que contemplan accións como a orientación profesional e intermediación laboral, a busca activa de emprego con acompañamento ou o seguimento de inserción nas empresas.

Tamén se subvencionarán actividades de formación para o emprego, que teñen como finalidade formar e capacitar as participantes para o seu acceso ao emprego a través da mellora das súas competencias profesionais, coñecemento e prácticas. Por último, tamén se apoiarán actuacións de conciliación que consistirán, fundamentalmente, na posta a disposición de servizos de atención persoal ou familiar para facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario ou na formación para o emprego. O importe máximo de cada axuda será de 95.000 euros.

A Secretaría Xeral da Igualdade, en coordinación co Servizo Público de Emprego de Galicia, seleccionará mediante un procedemento específico, que se regulará mediante instrución, ás mulleres en situación de violencia de xénero para a súa incorporación ao programa. A devandita instrución farase pública na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas, así como os Centros de Información á Muller, os centros da Rede galega de Acollemento e o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, e calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero poderán propoñer participantes para a súa incorporación ao programa, sempre que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego.

Galicia foi a primeira comunidade do Estado en facer o ano pasado unha convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento do programa de inserción laboral dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero, unha convocatoria pioneira da Secretaría Xeral da Igualdade que fixo posible atender a 520 mulleres. En 2016 foron 16 as entidades beneficiarias deste programa na Comunidade.

Tema: