A Xunta informa aos concellos lugueses das axudas para a promoción da igualdade que superan os 4,2 millóns de euros

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvención

A nova convocatoria engloba os programas de fomento da conciliación; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e para apoio aos centros de información ás mulleres (CIM)

Os concellos da provincia recibiron un total de 539.930,75 euros ao abeiro da anterior convocatoria destas subvención

  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvención
  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantiveron unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico para explicarlles esta liña de subvención

Lugo, 30 de xuño de 2017.- A Delegación territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá unha xuntanza cos representantes municipais e persoal técnico dos 67 concellos lucenses para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade.

O encontro presidido pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e polo delegado territorial, José Manuel Balseiro, serviu para avanzar as liñas básicas destas axudas autonómicas para as que se reserva un orzamento 4,2 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo

A Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia.

Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións os concellos da provincia de Lugo recibiron un total de 539.930,75 euros. Na actualidade están en pleno funcionamento 11 Centros de Información á Muller emprazados en Viveiro, Burela, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, Lugo, Palas de Rei, Sarria, Chantada, Monforte e Quiroga.

Como novidade o Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes tres programas, que estarán cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo.

Accións subvencionables
A resolución que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior:

• Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

• Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

• Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos tomar medidas para para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Conta cun orzamento total que supera os 494.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

A segunda liña de axudas está destinada ao Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

E finalmente, está o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), que ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM de a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.

A Xunta considera que as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas orientadas a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida familiar e laboral, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.

Tema: