A Xunta incrementou nun 60 por cento as axudas ás ONG que traballan con vítimas de trata con fins de explotación sexual

No Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos, o goberno galego fai especial incidencia ca campaña de sensibilización “Non trates comigo. As persoas non temos prezo”

Multimedia

Cartel do Día europeo contra a Trata de Persoas

Santiago, 18 de outubro de 2014.- O Goberno galego incrementou nun 60 por cento as axudas ás ONG que axudan a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual. O pasado mes de xullo, a Secretaria Xeral de Igualdade asinou 11 convenios con ONG que traballan con vítimas de trata con fins de explotación sexual.

O importe destinado este ano é de 472.000 euros (180.000 euros máis que no ano 2013) o que supón un incremento no orzamento con respecto ao ano anterior en máis do 60 por cento. As entidades coas que se asinaron os convenios son Accem, Adoratrices Ourense, Cáritas Lugo, Aliad-Utreira, Cáritas Ourense, Cáritas Santiago, Cruz Roja, Ecos do Sur, Faraxa, Médicos do Mundo, e Oblatas Ferrol.

Mediante estes convenios establécense as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e estas 11 entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de Programas, de atención a vítimas de trata, preferentemente inmigrantes, con fins de explotación sexual e/ou laboral, e coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas a través do financiamento dos gastos correntes e de persoal, e dos gastos derivados da adquisición de equipamento e do mantemento e mellora das infraestruturas de carácter social das que dispoñen as entidades e nas que se desenvolven as actuacións dos programas, de atención a vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral, cofinanciado ao 80% con cargo ao FEDER.

Entre as actuacións que realizan estas ONG están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; creación de grupos de apoio para lograr espazos de referencia para o encontro, intercambio e apoio mutuo; capacitación de mediadoras sociais ou axentes de cambio; desenvolvemento das potencialidades e capacidades das beneficiarias, a través de actividades de socialización, educación, formación e integración, con especial incidencia na formación para facilitarlles ó acceso o emprego de novas tecnoloxías; a realización de obradoiros sobre diversos temas e o traballo na sensibilización da sociedade sobre a situación das mulleres que están a padecer esta situación.

O ano pasado foron atendidas un total de 5.153 persoas nestas ONG, procedentes na súa maioría de Brasil, República Dominicana, Romanía, Colombia e España; preto do 80 por cento con idades entre os 25 e os 54 anos e practicamente a metade das persoas atendidas viven na provincia de A Coruña.

Dia Europeo contra a trata de seres humanos
Hoxe conmemórase o Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos e o goberno galego pon en marcha a campaña de sensibilización “Non trates comigo. As persoas non temos prezo”, co obxectivo de seguir concienciado ao global da sociedade no combate contra este crime.

Para iso distribuiranse 3.000 carteis nos concellos galegos, CIM, Casas de acollida, CRI, Cemvi, Delegacións territoriais da Xunta, Xulgados de violencia de xénero, oficinas de atención ás vítimas, e nas 11 entidades que teñen asinado ca Xunta os convenios de trata, e nos centros de saúde.