A Xunta incrementa nun 14 por cento o orzamento do programa “Emega” de apoio económico ao emprendemento feminino

A secretaria xeral da Igualdade inaugurou a xornada “Talento en feminino”, onde destacou que a partida para o vindeiro ano acadará os 850.000 euros

Lembrou que a Xunta incentiva a posta en marcha de novos proxectos, a consolidación de iniciativas lideradas por mulleres e as alianza estratéxicas 

Lugo, 13 de setembro de 2013. A Vicepresidencia da Xunta destinará o vindeiro ano preto de 850.000 euros ao programa Emega, de apoio ao emprendemento feminino, o que supón un incremento do 14 por cento con respecto a este ano. Así o salientou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, durante a inauguración da xornada “Talento en feminino”, organizada en Lugo pola Federación de Empresarias de Galicia.

O programa Emega tenta potenciar a faceta empresarial feminina para que as mulleres se integren no sector produtivo galego poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais a través de catro liñas de actuación que abranguen a creación de empresas, a innovación, a reactivación e consolidación de proxectos e o apoio á conciliación.

López Abella sinalou que a iniciativa empresarial é unha ferramenta básica para a mellora da empregabilidade feminina polo que desde o Goberno galego incentívanse tanto a posta en marcha de novos proxectos como a consolidación de iniciativas lideradas por mulleres e as alianza estratéxicas empresariais.

O VI Plan galego para a igualdade de mulleres e homes da Xunta de Galicia aprobado a principios deste ano inclúe unha serie de medidas e boas prácticas de fomento da actividade empresarial das mulleres. Segundo dixo a secretaria xeral da Igualdade, a través de políticas de conciliación e de racionalización de horarios tamén destinadas a homes “quérese romper cun escenario social marcado pola desigualdade das mulleres e evitar que sufran sobrecarga de responsabilidade ou situacións de discriminación no acceso aos postos directivos e de representación”.

No Plan hai un apartado específico para o “aproveitamento do talento feminino”, co que se pretende potenciar unha participación máis ampla e diversa da muller no desenvolvemento económico de Galicia. Para elo -salientou López Abella- resulta tamén imprescindible reforzar as habilidades e competencias das mulleres en relación cos requirimentos do mercado laboral e profesional.