A Xunta incidirá na asistencia social e na formación especializada na atención ás vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado

  • A Xunta incidirá na asistencia social e na formación especializada na atención ás vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado
  • A Xunta incidirá na asistencia social e na formación especializada na atención ás vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021.-

O secretario xeral técnico da Consellería de Emprego e Igualdade, José Ramón Pardo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe por videoconferencia na Comisión Sectorial de Igualdad, na que toman parte representantes de todas as Comunidades e do Goberno central con competencias na materia. Os representantes da Xunta puxeron en valor os programas desenvolvidos en Galicia tanto no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dotado con 7,8 millóns de euros este ano, como as axudas para apoiar a vítimas de violencia de xénero, ás de agresións e/ou abusos sexuais, e a promoción da formación do persoal dos Centros de Información á Muller.

Galicia en 2021 seguirá a traballar na asistencia social a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero, celebrando convenios con federacións e asociacións de mulleres para o apoio específico ás vítimas, na sensibilización e formación en centros educativos ou mediante programas como Malaikas dirixido ás mulleres migrantes.

López Abella destacou a aposta do Goberno galego pola formación especializada do persoal dos Centros de Información á Muller e o impulso ás mesas locais de coordinación interinstitucional. E subliñou, por outra banda, programas de apoio específico a vítimas da violencia sexual desenvolvidos en colaboración coas entidades que traballan en materia de trata.

Os representantes da Consellería de Emprego e Igualdade insistiron ademais en que o Goberno central debería ter ponderado criterios como a dispersión poboacional ou o número de concellos con menos de 5.000 habitantes existentes na Comunidade. Tamén quixeron facer valer a necesidade de crear un grupo de traballo que permita abordar os detalles do plan e a súa execución.