A Xunta incide no papel dos medios de comunicación para fomentar a igualdade e rachar cos estereotipos de xénero

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participou esta tarde na clausura do Congreso Atlántico de marketing dixital Flúor, que se celebrou en formato en liña.

Multimedia

 A Xunta incide no papel dos medios de comunicación para fomentar a igualdade e rachar cos estereotipos de xénero

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020.

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, destacou hoxe a importancia da implicación dos profesionais do sector da comunicación e da publicidade para educar en igualdade e rachar cos estereotipos de xénero.

Durante a súa participación na clausura do Congreso Atlántico de marketing dixital Flúor, que nesta edición se celebra en formato en liña polas restricións derivadas da covid-19, sinalou precisamente o papel relevante que tiveron as novas tecnoloxías na xestión da actual crise sanitaria, así como para continuar coa actividade durante o confinamento.

Nesta liña, incidiu tamén no auxe nos últimos anos das redes sociais como instrumento de socialización entre as xeracións máis novas pero aclarou que un uso non axeitado destes medios pode supoñer riscos como o ciberacoso ou agravar situacións de violencia de xénero.

Por iso, a secretaria xeral da Igualdade por delegación instou aos medios de comunicación a ofrecer unha imaxe igualitaria da sociedade sen estereotipos de xénero para que, desta forma, poidan axudar a previr a desigualdade e a violencia sexista a través das redes sociais e, ao mesmo tempo, concienciar á mocidade sobre a gravidade de condutas como o control, o illamento ou o abuso.

Ademais, indicou a necesidade de advertir á mocidade dos riscos do sexting, unha práctica que consiste no envío de imaxes íntimas de forma voluntaria por parte de quen as protagoniza a través do smartphone con crecente prevalencia en varias franxas de idade.

Debido a que en moitas ocasións a persoa que a realiza acaba converténdose en vítima, por un descoido ou a mala fe de terceiras persoas, Natalia Prieto aclarou que debe considerarse unha actividade de risco e, por tanto, lembra que hai que ter en conta as medidas de autoprotección que permiten aumentar as garantías de privacidade ou seguridade nas prácticas que a mocidade desenvolve a través das redes sociais.