A Xunta incide no papel dos medios de comunicación para concienciar sobre a violencia de xénero e axudar a loitar contra esta lacra

López Abella presentará mañá neste congreso as medidas do Goberno galego para a protección integral das vítimas de violencia de xénero

  •  A Xunta incide no papel dos medios de comunicación para concienciar sobre a violencia de xénero e axudar a loitar contra esta lacra
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración do congreso “Medios de comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista”
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración do congreso “Medios de comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista”

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019.

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración do congreso “Medios de comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista”.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, salientou hoxe a importancia dos medios de comunicación para contribuír á loita contra a violencia de xénero porque serven tanto como plataforma para denunciar estas agresións como para concienciar á sociedade sobre esta lacra.

Así o destacou na inauguración do congreso “Medios de comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista”, que se celebra hoxe e mañá. O evento está organizado pola Asociación de Xornalistas de Galicia e conta co apoio da Xunta a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Na xornada de mañá, tamén participará para presentar as medidas de protección integral do Goberno galego ás vítimas de violencia de xénero.

López Abella sinalou que este congreso permitirá afondar nas boas prácticas no tratamento informativo da violencia de xénero. A Xunta xa publicou en 2014 unha Guía de boas prácticas para o tratamento axeitado deste tema nos medios

A secretaria xeral da Igualdade considera que os medios constitúen un piar fundamental para acadar a igualdade real entre mulleres e homes e tamén para combater a violencia de xénero e apoiar ás mulleres que a sofren. Por iso, apelou a un tratamento xornalístico destes casos cunha información responsable e comprometida que inclúa o suceso na súa perspectiva social con referencias ás consecuencias que supoñen as agresións e calquera outra forma de discriminación contra as mulleres.