A Xunta incide na importancia da implicación de todas as administracións e da sociedade na loita contra a violencia de xénero

Susana López Abella compareceu hoxe na Cámara galega para informar sobre o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero na nosa comunidade

Moitas das recomendacións de mellora que se recollen no protocolo foron demandas feitas por mulleres que atravesaron situacións de violencia

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella incidiu esta tarde na importancia da importancia da implicación de todas Administracións e de toda a sociedade para rematar coa Violencia de Xénero.

Susana López Abella compareceu hoxe na Cámara galega para informar sobre o Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero na nosa comunidade, aprobado polo Pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero o pasado 10 de xullo. A titular de Igualdade lembrou que moitas das recomendacións de mellora que se recollen no protocolo foron demandas feitas por mulleres que atravesaron situacións de violencia, dentro do grupo de traballo “A voz das vítimas”.


O protocolo conta cun mapa de recursos coa finalidade de ofrecer información útil ás mulleres que poidan sufrir violencia de xénero, con datos de todos os recursos que teñen ao seu dispor, como os Centros de Información á Muller ou o Centro de Recuperación Integral de Vítimas.

O obxectivo que se persegue coa aplicación do Protocolo de coordinación e colaboración institucional fronte á violencia de xénero na nosa comunidade, segundo explicou López Abella, consiste basicamente en establecer criterios homoxéneos entre os distintos axentes implicados na prevención e protección dos actos de violencia de xénero, así como na asistencia ás persoas afectadas, garantindo unha actuación integral, áxil e coordinada.

O dereito de asistencia xurídica gratuíta está recoñecido para todas as vítimas de violencia de xénero, con independencia da existencia ou non de recursos para litigar. E a atención social integral é un dereito xa recoñecido para a loita contra a violencia de xénero, tanto a nivel estatal como autonómico, para as mulleres que sofren violencia de xénero e tamén para os seus fillos/as menores, o que implica atención, actuación de emerxencia, apoio e acollida, así como a recuperación integral.

Tema: