A Xunta incide na importancia da cooperación e a colaboración entre administracións para erradicar a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella asistiu á clausura do XXIX Congreso Estatal de Mulleres Avogadas

  • A Xunta incide na importancia da cooperación e a colaboración entre administracións para erradicar a violencia de xénero
  • A Xunta incide na importancia da cooperación e a colaboración entre administracións para erradicar a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella asistiu á clausura do XXIX Congreso Estatal de Mulleres Avogadas, “Mulleres & Novos Retos”, que tivo lugar na Facultade de Dereito, onde incidiu na importancia da cooperación e a colaboración entre as diferentes Administracións para erradicar a violencia de xénero.

Susana López Abella indicou que a actuación xurídica legal en materia de violencia de xénero ten gran alcance, xa que non se limita unicamente ao proceso xudicial senón que tamén existe un proceso de asesoramento e asistencia xuridica especializado, non só durante o proceso, senón tamén con carácter previo e posterior ao mesmo, sendo un aspecto decisivo na loita contra a violencia de xénero garantindo a protección e seguridade efectiva da muller, a través das ordes de protección e medidas cautelares. A orde de protección facilita o acceso ás medidas de asistencia e protección social garantidas polo ordenamento xurídico supón un punto de partida para saír da situación de violencia de xénero

A titular de Igualdade finalizou explicando que o decreto que regula a formación no xénero da totalidade do persoal da Administración pública sitúa a nosa comunidade na primeira liña para o emprego dun patrón igualitario entre mulleres e homes. 

Así a Xunta de Galicia garantirá e promoverá, mediante os instrumentos necesarios, a formación en igualdade de todos e todas as profesionais que traballan en ámbitos relacionados directa ou indirectamente coa violencia de xénero. En especial, dos e das profesionais da sanidade, dos servizos sociais, educativos, das forzas e corpos de seguridade e das operadoras e operadores xurídicos, mediante o deseño de programas específicos de formación en materia de violencia de xénero e poñéndoos á disposición de calquera ente, organismo ou departamento, e da sociedade en xeral, para a súa aplicación nas diversas accións formativas.

Tema: