A Xunta incide en que todas as mulleres vítimas da violencia de xénero teñen dereito á asistencia xurídica gratuíta

Susana López Abella participou hoxe na presentación do libro "Violencia de Género y Justicia

Ademais, a Secretaría Xeral da Igualdade ten en marcha dende o ano 2011 un servizo de asesoramento xurídico online

  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa
  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa
  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa

Santiago, 30 de maio de 2013. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, incidiu hoxe que todas as vítimas de violencia de xénero teñen dereito a asistencia xurídica gratuíta e inmediata, e lembrou que está establecido por Lei que as vítimas de violencia de xénero teñan dereito á asistencia xurídica en todos os procedementos, tanto xudiciais coma administrativos.

A violencia de xénero constitúe un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas, como son a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade e a non discriminación, tal como xa proclama a nosa Constitución, destacou a titular de Igualdade, polo que todos os poderes públicos teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para facer reais e efectivos estes dereitos.

A Secretaría Xeral da Igualdade ten en marcha dende o ano 2011 un servizo de asesoramento xurídico online, accesible a través da páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, onde se ofrece información personalizada e gratuíta ás persoas usuarias, considerando que o asesoramento axeitado constitúe o primeiro paso para saír da situación de violencia.

Con este servizo, a Secretaría Xeral da Igualdade ten o obxectivo de facilitar ás mulleres o coñecemento dos seus dereitos e axudarlles así a que adopten as decisións máis axeitadas en cada momento, como abordar a interposición dunha denuncia ou a correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso son determinantes para unha resposta xudicial máis efectiva. Dende que se puxo en funcionamento este servizo de asesoramento xurídico online foron preto de 300 as consultas recibidas.

O servizo xurídico online permite ofrecer resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, asegurando a confidencialidade. Tenta clarexarlle ás usuarias cuestións que con frecuencia suscitan dúbidas e polo tanto xeran temor, tales como qué actuacións xudiciais pode iniciar, se é necesario contar sempre coa asistencia de avogado/a e de procurador/a ou que medidas urxentes pode solicitar.

As consultas a través deste servizo poden ser complementarias ás que se prestan de xeito presencial nos 80 Centros de Información ás Mulleres, CIM, repartidos por toda Galicia, garantindo o anonimato e a confidencialidade cando así o desexe a muller.
Susana López Abella participou hoxe na presentación do libro de Raquel Castillejo "Violencia de Género y Justicia", onde destacou o apoio á publicación deste traballo sobre a violencia de xénero, sobre a violencia que sufre unha muller, as igualdades e inxustiza social na sociedade.