A Xunta impulsa o II Programa Galego de Muller e Ciencia para avanzar na Igualdade efectiva nos ámbitos social e laboral

O Consello da Xunta aprobou hoxe este programa, que conta cun financiamento conta cun financiamento específico de máis de 9 millóns de euros entre 2016 e 2020

O texto considera conseguir o compromiso das institucións implicadas no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

Tamén busca equilibrar a presenza de mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación tanto nas áreas de coñecemento como nos postos de responsabilidade

Santiago, 29 de decembro de 2016.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o II Programa Galego de Muller e Ciencia 2016-2020, que busca a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes nos ámbitos social e laboral modificando valores, actitudes e estereotipos que sustentan a desigualdade nos ámbitos científico e tecnolóxico e potenciando a participación das mulleres en condicións de igualdade.

O papel esencial que ten a investigación e a innovación no esforzo por un crecemento intelixente, sustentable e inclusivo en Europa implica facer un uso completo do capital humano, incluíndo a mulleres e homes por igual. Por iso, a Estratexia Europa 2020 expón a redución das desigualdades de xénero no mercado de traballo como un dos factores esenciais para un crecemento intelixente, sustentable e integrador.

Con ese obxectivo, en novembro de 2015 creouse un grupo de traballo no que participaron representantes de GAIN, Amtega, Sanidade, Secretaría Xeral de universidades e a Secretaría Xeral da Igualdade, dándolle, polo tanto, un enfoque participativo coas persoas que integran as institucións presentes na Unidade de Muller e Ciencia.

O pasado mes de setembro o Pleno da Unidade da Muller e Ciencia deu o visto e prace ao texto do programa, que se presenta estruturado en tres bloques. Por unha banda, a análise diagnóstica, na que se reflicten as políticas e iniciativas europeas, estatais e autonómicas no ámbito da igualdade de xénero e a investigación; a situación das persoas no sistema galego de ciencia tecnoloxía e innovación, así como os procesos e procedementos de traballo.

O segundo bloque é a estratexia de actuación, núcleo central do programa, que recolle, de forma estruturada e xeral, os contidos para desenvolver durante a súa vixencia para reducir as fendas de xénero e avanzar cara á igualdade de mulleres e homes. A estratexia prevé tres eixos.

Eixo 1. Cambio institucional e organizacional

Este eixo ten o obxectivo xeral de conseguir o compromiso das institucións implicadas no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Ademais, define tamén dous obxectivos específicos: consolidar a integración da perspectiva de xénero como principio reitor do sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación. E reducir a influencia dos estereotipos de xénero mediante accións de sensibilización á sociedade en xeral, e en particular, no ámbito educativo, con actividades de divulgación científica.

Eixo 2. Presenza equilibrada no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación

O obxectivo xeral é equilibrar a presenza de mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación tanto nas áreas de coñecemento como nos postos de responsabilidade. E, en concreto, reducir a segregación horizontal e vertical que se produce no mundo da investigación, ciencia e tecnoloxía; así como mellorar a visibilidade do traballo e achega das mulleres ao mundo da ciencia, tecnoloxía e innovación impulsando referentes femininos.

Eixo 3. Perspectiva de xénero en procesos e procedementos de traballo

Busca integrar o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en cada fase da produción, transferencia e aplicación do coñecemento.

Por último, o terceiro bloque do programa é o Sistema de Xestión e Seguimento, no que se prevé a programación anual das accións que se van desenvolver en cada exercicio e o sistema de seguimento e avaliación.

Estratexia transversal

O II Programa galego de Muller e Ciencia está concibido como unha estratexia transversal na que se integrarán todos os esforzos dos departamentos que compoñen a Unidade de Muller e Ciencia.

Conta cun financiamento específico de máis de 9 millóns de euros (9.286.879 euros) entre 2016 e 2020, de forma que se dispoña das reservas orzamentarias necesarias para garantir a correcta execución das actuacións previstas. Debe terse en conta que moitas das actuacións non levan aparellado contido económico ou son de difícil cuantificación a priori por estar baseadas na participación, colaboración e cooperación de todas as institucións e axentes, públicos e privadas, que interveñen no ámbito da ciencia, da tecnoloxía e da innovación en Galicia, para acadar o cambio de valores, actitudes e estereotipos que sustentan a desigualdade neste ámbito.