A Xunta impulsa a creación dunha comisión para facer seguimento do protocolo de coordinación institucional fronte á violencia de xénero

O vicepresidente, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o Pleno do Observatorio galego da violencia de xénero

Xa está operativo ao 100% o mapa de recursos en liña destinado a mulleres vítimas de violencia de xénero

Presentouse un borrador de Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo

  • A Xunta impulsará a creación dunha comisión de traballo no seo do Observatorio galego da violencia de xénero
  • A Xunta impulsará a creación dunha comisión de traballo no seo do Observatorio galego da violencia de xénero
  • A Xunta impulsará a creación dunha comisión de traballo no seo do Observatorio galego da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018.- A Xunta impulsará a creación dunha comisión de traballo no seo do Observatorio galego da violencia de xénero para facer seguimento do cumprimento e posibles actualizacións do Protocolo de coordinación e cooperación institucional que se aprobou nesta materia o pasado ano.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe esta xuntanza, á que tamén asistiron o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Durante a xuntanza, acordouse incorporar ao texto deste Protocolo as últimas achegas realizadas pola Fiscalía Xeral do Estado. Entre as principais novidades, atópase a creación da comisión de seguimento para garantir o seu correcto funcionamento e para integrar todas as melloras que vaia precisando.

O Protocolo, como se dixo na súa aprobación, é un documento vivo no que se inclúen, entre outros puntos, protocolos de actuación en todos os ámbitos, dende o educativo, o sanitario, o xurídico ata o social.

Ademais, tamén se informou de que está 100% operativo o mapa de recursos en liña destinado a mulleres vítimas de violencia de xénero, no que se poden consultar todos os recursos dispoñibles organizados por áreas (social, sanitaria, xudicial...) e coa súa ubicación a través do sistema de xeolocalización.

Outro dos puntos que se abordaron no encontro foi o Pacto de Estado contra a violencia de xénero. En concreto, presentáronse as medidas prioritarias para este ano, segundo o acordado entre o Estado, as comunidades autónomas e a Federación Española de Municipios e Provincias. Estas actuacións abranguen un amplo abano de áreas como a sensibilización e a protección, os protocolos de detección precoz, a asistencia a menores ou a formación dos axentes de forzas e corpos de seguridade ou persoal do ámbito da xustiza.

O Pleno abordou tamén medidas nun ámbito prioritario para o Goberno galego: a prevención da violencia de xénero entre a xente moza. De feito, no seo do Observatorio, hai un grupo de traballo especializado no tema, e no encontro presentouse o borrador dunha guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo, que foi elaborada por un subgrupo técnico. O obxectivo deste documento é ofrecer pautas a toda a comunidade educativa galega para saber como actuar ante situacións de violencia de xénero.

Composición do Observatorio

No Observatorio están representados distintos departamentos da Xunta, a Delegación do Goberno, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e asociacións de mulleres.

Ademais, como novidade, incorporáronse ao Pleno representantes dos colexios profesionais con vinculación directa coa prevención e tratamento da violencia de xénero. En concreto, dos sectores profesionais da avogacía, psicoloxía, traballo social e educación social.

Tema: