A Xunta impulsa a atención ás vítimas de trata cunha orde de axudas específica e unha campaña de sensibilización

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, explicou que o programa de axudas permitiu atender a 539 persoas o ano pasado

A nova campaña distribuirá 3.000 carteis de concienciación sobre esta lacra a partir deste mesmo mes de outubro

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sinalou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está a impulsar a atención ás vítimas de trata a través de distintas iniciativas

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018.-  A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, sinalou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está a impulsar a atención ás vítimas de trata a través de distintas iniciativas, como unha orde de axudas específicas ou unha campaña de sensibilización que se lanzará este mesmo mes de outubro.

López Abella destacou que a trata é unha das vulneracións máis execrables dos dereitos humanos que, ademais, afecta de maneira maioritaria ás mulleres, especialmente no caso da explotación sexual.

Galicia xa recoñece, desde a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como unha forma de violencia de xénero.

Ademais, Galicia é pioneira na loita contra esta lacra grazas a sinatura, desde 2010, dun protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento das mulleres vítimas de trata.

De cara a atención directa, a Xunta convoca anualmente unha orde de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención integral para as vítimas, nas que se inclúen medidas como a atención inicial nos chamamentos realizados por autoridades competentes, asesoramento social e apoio directo, atención psicolóxica ou asesoramento xurídico e laboral. Para 2018, esta orde está dotada cuns 480.000 euros. Os datos de atención para este ano non están pechados aínda pero, ao abeiro desta mesma convocatoria, durante 2017 atendéronse a 539 persoas.

Nunha liña similar de actuación, a Xunta tamén participa no proxecto europeo Draw The Line (Traza unha liña) de prevención da violencia sexual e o acoso entre os colectivos de mulleres inmigrantes. Confórmase a través da formación dalgunha das mulleres como líderes da súa comunidade para transmitir os dereitos e recursos dispoñibles ás súas compatriotas. Grazas a este programa, chegouse a máis de 150 mulleres en Galicia.

Ademais, con motivo do Día Europeo contra a trata de persoas que se celebrará o próximo 18 de outubro, a Secretaría Xeral da Igualdade porá en marcha unha campaña de sensibilización social coa finalidade de seguir concienciado á sociedade sobre a terrible realidade que hai detrás trata de mulleres. Distribuiranse 3.000 carteis nos concellos galegos, CIMS, administracións, xulgados ou entidades sociais.

Tema: