A Xunta formará en igualdade e prevención contra a violencia de xénero o persoal ao servizo da administración galega

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de decreto para a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración galega

A Xunta garante unha formación, tanto básica como especializada, progresiva e permanente en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, para a totalidade dos empregados e empregadas públicos 

Os contidos que se impartirán abordan materias como igualdade de xénero, mainstreaming, perspectiva de xénero, feminismo, conciliación, corresponsabilidade, sexismo, violencia de xénero,  tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual ou acoso sexual, entre outros 

13 de xullo do 2017.- O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao proxecto de decreto que regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da nosa Comunidade, que é pioneira a nivel estatal no compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e en contra da violencia de xénero.

O decreto regula a formación en xénero da totalidade do persoal da Administración pública e sitúa a nosa Comunidade na primeira liña no uso de ferramentas e desenvolvemento de boas prácticas dirixidas a cimentar un patrón igualitario entre mulleres e homes.

Dáse así cumprimento á Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que establece que a Xunta garantirá, nos termos que se establezan regulamentariamente, e promoverá, mediante os instrumentos necesarios, a formación en igualdade de todos e todas as profesionais que traballan en ámbitos relacionados directa ou indirectamente coa violencia de xénero. En especial, dos e das profesionais da sanidade, dos servizos sociais, educativos, das forzas e corpos de seguridade e das operadoras e operadores xurídicos, mediante o deseño de programas específicos de formación en materia de violencia de xénero e poñéndoos á disposición de calquera ente, organismo ou departamento, e da sociedade en xeral, para a súa aplicación nas diversas accións formativas.

Desta maneira, todo o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, o persoal docente, o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o persoal ao servizo da Administración de xustiza e o persoal funcionario do corpo de Policía autonómica, serán formados neste eido. Ademais, no caso do persoal de novo ingreso que acceda á condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo da Administración xeral, as actividades formativas para a obtencióndo nivel básico de coñecemento terán carácter obrigatorio.

Os contidos que se impartirán na formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero abordan materias a como igualdade de xénero, mainstreaming, perspectiva de xénero, feminismo, conciliación, corresponsabilidade, sexismo, violencia de xénero, violencia machista ou violencia contra as mulleres, trata de seres humanos con fins de explotación sexual, acoso sexual ou por razón de xénero ou calquera outra denominación que implique visibilizar a situación de desvantaxe social das mulleres. 

O decreto establece tres niveis de coñecemento, básico, medio e superior. O nivel básico acreditará unha competencia inicial que permita a inclusión progresiva do principio de igualdade nos procesos habituais de traballo. O nivel medio acreditará unha competencia que permita integrar o enfoque de xénero en ámbitos como subvencións, contratos, produción normativa ou xestión administrativa, e o coñecemento e comprensión da violencia de xénero; e o nivel superior, acreditará unha competencia alta que permita o coñecemento e aplicación práctica do enfoque integrado ou mainstreaming de xénero.

A Xunta adoptará as medidas necesarias para garantir unha formación, tanto básica como especializada, progresiva e permanente en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, asegura un coñecemento práctico suficiente que permita a integración efectiva da perspectiva de xénero na totalidade da actuación administrativa. A Escola Galega de Administración Pública, a Academia Galega de Seguridade Publica, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e a consellería competente en materia de formación do profesorado, así como calquera outra entidade pública instrumental do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de formación do persoal, elaborarán e executarán plans de formación anuais en materia de igualdade entre mulleres e homes e prevención e loita contra a violencia de xénero.

Tema: 
Contido: