A Xunta forma 35 profesionais dos Centros de información á muller na interpretación psicolóxica do debuxo infantil

Con esta técnica pódense detectar posibles problemas familiares e sociais, así como dificultades de aprendizaxe ou desenvolvemento

Multimedia

Susana López Abella asistiu hoxe a unha das sesións do curso de interpretación psicolóxica do debuxo infantil

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe a unha das sesións do curso de interpretación psicolóxica do debuxo infantil que se está impartindo no Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero (CRI) a un total de 35 profesionais do propio CRI e dos Centros de información á muller (CIM).

Trátase dun obradoiro de 16 horas de duración, no que se abordan, entre outras materias, conceptos de psicodiagnóstico a través dos test gráficos, e o uso destes test para a avaliación dos aspectos madurativos do menor.

Son test non invasivos, nos que nenos e nenas -de forma libre e baixo directrices profesionais- proxectan inconscientemente nos seus debuxos os seus propios rasgos de personalidade, ou como se perciben a si mesmos ou ao seu contorno. A través desta técnica, pódense detectar posibles problemas familiares ou sociais que estean sufrindo, así como dificultades de aprendizaxe ou desenvolvemento.

O obradoiro enmárcase no Plan de formación en violencia de xénero para profesionais dos CIM e ten como obxectivo seguir impulsando a formación destes profesionais coa adquisición de novas técnicas para a atención e intervención con menores vítimas da violencia de xénero.

Tema: