A Xunta fomenta o uso das TIC entre as rapazas para superar a actual fenda dixital de xénero e aproveitar o talento feminino

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participaron hoxe no CESGA no acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’

En Galicia só o 22,5% dos titulados en carreiras do eido tecnolóxico son mulleres e a porcentaxe de empregadas no sector TIC galego é do 38%

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, interviñeron hoxe no acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, interviñeron hoxe no acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, interviñeron hoxe no acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’

Santiago, 25 de abril de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, interviñeron hoxe no acto de celebración do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’, organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Axencia Galega de Innovación e no que tamén participou o seu director, Manuel Varela.

As representantes da Administración autonómica destacaron a necesidade de superar a fenda de xénero nos estudos e nos empregos TIC, un sector clave no desenvolvemento económico e con importantes posibilidades laborais polo seu carácter transversal.

Segundo explicou a secretaria, aos 15 anos os rapaces e as rapazas teñen máis ou menos as mesmas habilidades informáticas e navegadoras, sen embargo, conforme van avanzando cara á vida adulta as mulleres vanse afastando da tecnoloxía. O resultado é que ao chegar á Universidade a porcentaxe de mulleres -en España e na UE- que acceden a carreiras relacionadas coas TIC redúcese por debaixo do 20 por cento.

Para combater esta tendencia, a Comisión Europea está facendo coa Estratexia 2020 unha chamada ao aproveitamento e á incorporación do talento feminino á Sociedade da Información. Así, dentro do VI Plan galego para a Igualdade de mulleres e homes, no eixo do Aproveitamento do talento feminino, Igualdade -á proposta do CESGA- recolle a promoción da vocación tecnolóxica e emprendedora entre as alumnas da escola secundaria obrigatoria.

Ademais, tal e como salientou o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, o CESGA coordina un proxecto europeo de innovación educativa denominado ICT-GO-Girls, Promoción do Emprendemento entre as Rapazas de Secundaria a través das TIC, apoiado pola Secretaría Xeral da Igualdade e no que participa a USC e cinco socios europeos de Austria, Polonia, Alemaña e Bélxica.

López Abella destacou o potencial das novas tecnoloxías en canto á comunicación e empregabilidade e incidiu na necesidade de estimular un crecemento máis rápido no seu coñecemento e uso por parte das mulleres. “Necesitamos que as TIC se convertan nunha ferramenta para a Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”, afirmou a titular de Igualdade.

Baixa representación

No acto, no que tamén estivo presente o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, a directora da Amtega, Mar Pereira, recoñeceu que a baixa representación das mulleres no sector tecnolóxico é unha realidade a nivel mundial e Galicia non é unha excepción. No curso 2010-2011 dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas (Enxeñarías Informáticas e de Telecomunicacións) nas tres universidades galegas só 66 era mulleres, o que representa tan só un 22,5% dos titulados nestes estudos.

Esta baixa presenza nas titulacións TIC ten o seu reflexo na empresa, xa que no 2012 a porcentaxe de mulleres empregadas no sector tecnolóxico foi do 38% fronte ao 62% de homes.

Sector de futuro

A directora da Amtega recordou que o sector tecnolóxico en Galicia aglutina a preto de 2.000 empresas e está a manter o mesmo volume de emprego directo desde 2009 con máis de 15.000 traballadores. Mar Pereira sinalou que os profesionais do sector tecnolóxico integran un colectivo orientado a desenvolver a transformación dos sectores produtivos e están a ter un papel clave tanto. Ante este escenario, Mar Pereira sinalou que superar a fenda de xénero nos estudos e nos empregos TIC resposta non só a razóns de equidade senón de desenvolvemento económico e social.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

Os actos do ‘Día Internacional das Rapazas nas TIC’ celebráronse no CESGA co obxectivo de promover entre as mulleres novas a toma de conciencia sobre as vantaxes de optar por profesións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, TIC, cada vez máis amplo e demandado. Este ano o evento está coordinado pola Comisión e o Parlamento Europeo e pola Unión Internacional de Telecomunicacións, da que España é membro.