A Xunta fomenta a formación en igualdade dos futuros mestres para evitar estereotipos sexistas no alumnado

Susana López Abella participou hoxe na entrega de diplomas do ‘Curso de Xénero e Novas Masculinidades’, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade

Reiterou a vontade do Goberno galego de seguir apoiando programas formativos que fomenten as políticas de igualdade e potencien o papel da muller
 

  • Susana López Abella na entrega de diplomas do "Curso de Xénero e novas masculinidades"
  • Susana López Abella na entrega de diplomas do "Curso de Xénero e novas masculinidades"
  • Susana López Abella na entrega de diplomas do "Curso de Xénero e novas masculinidades"
  • Susana López Abella na entrega de diplomas do "Curso de Xénero e novas masculinidades"

Santiago, 19 de febreiro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega de diplomas do ‘Curso de Xénero e Novas Masculinidades’, na que destacou a importancia de formar aos futuros mestres en igualdade para que contribúan aos procesos de sociabilización do alumnado evitando estereotipos sexistas.

No acto, López Abella estivo acompañada polo profesor do curso, Jorge García, e a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva; que salientaron a valoración tan positiva que os alumnos fixeron da actividade.

Nese sentido, a secretaria xeral reiterou a súa vontade de seguir levando durante o presente ano máis programas formativos como este, que se enmarca no proxecto ‘Eles Tamén 2009-2013’ no que participan Galicia, Castilla León e Portugal, co obxectivo de seguir buscando fórmulas de implicación activa no desenvolvemento das políticas de igualdade, compatibles coa potenciación do papel da muller.

Segundo manifestou López Abella é de sobra coñecida a importancia da escola como axente sociabilizador e transmisor de roles, polo que resulta imprescindible ofertar formación en igualdade ás persoas que se ocupan profesionalmente das tarefas educativas. A escola constitúe “unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos sexistas e para a provocación dun cambio en profundidade das estruturas e das prácticas sociais non desexables”, explicou a titular de Igualdade.

O curso impartíuse na  facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e foi organizado a través do ICE (Instituto de Ciencias da Educación) da USC. Contou con 45 alumnos de primeiro de carreira de infantil e primaria, un terzo deles homes.

Tema: