A Xunta fomenta a corresponsabilidade coas axudas por redución de xornada para homes e familias monoparentais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas axudas que impulsan a conciliación da vida familiar e laboral ao permitir aos beneficiarios a redución de xornada para coidar aos seus fillos e fillas menores de 3 anos

A convocatoria deste ano ten en conta as posibles situacións laborais adversas debido ao actual contexto económico derivado do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus

Multimedia

A Xunta fomenta a corresponsabilidade coas axudas por redución de xornada para homes e familias monoparentais

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución de xornada de traballo para persoas traballadoras e familias monoparentais co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade nas tarefas do ámbito doméstico.

Como novidade, na convocatoria deste ano téñense en conta as posibles situacións laborais adversas que poidan producirse no actual contexto económico derivado do estado de alarma pola crise sanitaria da covid-19. As axudas están dotadas este ano cun orzamento de 451.610 euros e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE). Están dirixidas aos homes, ás familias monoparentais e no caso das mulleres cando a parella estea formada por dúas mulleres.

A contías das axudas determínase en función da porcentaxe da redución da xornada e a súa duración, e o número de fillos e fillas a cargo da persoa solicitante, oscilando, para o caso de que se refiran ao maximo do período subvencionable de oito meses, entre os 1.700 euros e os 3.700 euros; mentres que noutros casos, os importes das axudas prorratearanse de xeito proporcional.

Poderán ser beneficiarios os homes ou familias monoparentais que se acollan á medida de redución da xornada entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 e que teñan ao seu coidado unha filla ou fillo menor de 3 anos, ou menor de 12 anos naqueles casos nos que padeza unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Tamén poderán beneficiarse aquelas persoas que adopten a un neno ou nena ou nos casos nos que estea na modalidade de acollemento familiar permanente ou preadoptivo. Nestes supostos, non poderá ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo deberá ser menor de 12 anos.

As solicitudes poden presentarse no prazo dun mes desde mañá e de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Desta forma, preténdese levar a cabo un reparto equilibrado no tempo do coidado dos fillos e fillas e da responsabilidade de conciliar que ata agora, na maioría dos casos, seguen a recaer nas mulleres. O impulso das medidas de conciliación para fomentar a corresponsabilidade por parte dos homes é unha das prioridades do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de mulleres e homes 2017-2020 e tamén se reflicte nas medidas recollidas no Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021.