A Xunta financia axudas a programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo ao IRPF deste ano

As subvencións están destinadas a entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro e á Cruz Vermella para realizar programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero na nosa comunidade.

Multimedia

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2019.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas para o ano 2019. A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 457.068 euros.

As axudas están destinadas a entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro e á Cruz Vermella para levar a cabo programas dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero. O importe máximo da axuda concedida a cada entidade beneficiaria será de 85.000 euros. Para optar a estas axudas as organizacións deberán estar legalmente constituídas con dous anos de antelación e inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Xunta, carecer de ánimo de lucro e ter o seu domicilio social ou delegación na comunidade galega, entre outros requisitos. As entidades teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes e os programas desenvolveranse en 2020.

As subvencións abarcan actuacións que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. Así mesmo, subvencionaranse programas que teñan por obxecto a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres, segundo o recollido na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

No marco desta liña, subvencionaranse actuacións de acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade; programas de formación destinados a mulleres en situación de vulnerabilidade e do medio rural que impulsen o emprendemento e o autoemprego co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral; ou programas de conciliación para mulleres en situación de vulnerabilidade con actividades de coidado e atención a menores de 12 anos, persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores. Tamén se financiarán actividades formativas para o empoderamento e participación activa das mulleres, en especial das que sofren situacións de vulnerabilidade ou as que residen no medio rural; así como actuacións para o tratamento da saúde integral e/ou sobre a sexualidade das mulleres.

Por outra banda, serán subvencionables, as accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás vítimas como é o caso dos programas de acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas, xunto con actuacións de apoio e tratamento dirixidas a mulleres vítimas da violencia de especialmente vulnerables, como mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, maiores, que residen no medio rural, inmigrantes, ou pertencentes a minorías étnicas .