A Xunta expresa a máis firme condena polo crime de violencia de xénero que acabou coa vida dunha muller en Vigo

Reitera o seu apoio ás vítimas e apela a responsabilidade de toda a cidadanía na erradicación desta lacra social

Santiago, 29 de outubro de 2015.- A Xunta de Galicia expresa a súa máis firme condena polo acto de violencia de xénero que lle custou a vida a María José Rodrigues Fernandes, no día de hoxe en Vigo.

Trátase da sexta morte por violencia de xénero rexistrada este ano en Galicia, un crime polo que o Goberno galego manifesta a súa consternación ao tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra. A Xunta reitera o seu apoio ás vítimas deste tipo de actos violentos e apela á corresponsabilidade da toda a cidadanía na erradicación deste problema público e social de primeira orde.

Lémbrase que as vítimas teñen a súa disposición o 016, un teléfono gratuíto que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o Goberno do Estado, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito territorial de Galicia derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria precise atención de emerxencia.

Mañá, haberá unha concentración de condena polo crime, tanto no edificio administrativo de San Caetano coma nas delegacións territoriais da Xunta.