A Xunta expón en Santander a experiencia galega en políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou no 7º pleno da Rede de Políticas de Igualdade nos fondos europeos

Galicia foi a Comunidade Autónoma elixida para explicar o seu caso práctico e os resultados acadados neste eido durante o pasado ano

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou no 7º pleno da Rede de Políticas de Igualdade nos fondos europeos

Santander, 8 de novembro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, expuxo esta mañá en Santander a experiencia de Galicia na introdución de políticas de igualdade en proxectos financiados con fondos europeos.

López Abella participa desde onte na 7ª reunión plenaria da Rede de Políticas de Igualdade entre mulleres e Homes nos Fondos Estruturais e o Fondo de cohesión 2007-2013, na que Galicia foi a Comunidade autónoma elixida para explicar o seu caso práctico. Por iso, a secretaria xeral deu conta dos resultados obtidos nos eidos da promoción da igualdade e da prevención e loita contra a violencia de xénero en 2012.

Canto ás liñas específicas de actuación dentro da promoción da igualdade, a Xunta financiou un total de 36 proxectos empresariais que supuxeron a creación de 64 postos de traballo. Así mesmo concedéronse 176 axudas para a redución da xornada laboral, das cales 138 foron para homes e 50 para mulleres que eran familias monoparentais.

No ámbito local financiáronse preto de 200 proxectos para programas de promoción da igualdade, de prevención da violencia de xénero, de conciliación e para a rede de Centros de Información á Muller. Ademais case 3.700 mulleres beneficiáronse dos programas de inclusión sociolaboral para persoas en situación de especial vulnerabilidade e 55 entidades sen ánimo de lucro recibiron axudas para tal fin.

No campo do asociacionismo feminino, a Secretaría Xeral da Igualdade concedeu en 2012 case 130 axudas a asociacións e grupos de mulleres para programas dirixidos a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política e sociocultural.

Canto á prevención e loita contra a violencia de xénero, atendeuse a preto de 2.200 mulleres, das que unhas 1.700 eran inmigrantes. Así mesmo prestouse especial atención á inclusión socio laboral de mulleres en situación de trata e de explotación sexual. Neste apartado tamén hai que salientar a creación do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, no que se investiu medio millón de euros, e que comezará a funcionar a principios de ano.

As actuacións da Xunta en materia de igualdade ao longo de 2012 completáronse con xornadas específicas e foros para a difusión, formación e sensibilización desta problemática; así como con elaboración e difusión de materiais informativos sobre a violencia de xénero.