A Xunta estrea un programa para capacitar a mulleres emprendedoras en habilidades dixitais

A  iniciativa diríxese a mellorar a formación de 14 mulleres beneficiarias do programa Emega de emprendemento, para que acaden os coñecementos técnicos básicos que lles permitan abrir ou mellorar a súa idea de negocio

Emega contará este 2022 co orzamento máis alto da súa historia, 4,2M€, tras ter apoiado nos últimos 12 anos 1.134 empresas promovidas por mulleres

Multimedia

A Xunta estrea un programa para capacitar a mulleres emprendedoras en habilidades dixitais

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2021.-

A Xunta estrea mañá un novo programa para mellorar a capacitación dixital de mulleres e axudalas a encamiñar as súas ideas empresariais ao mundo web. Un total de 14 emprendedoras, todas elas beneficiarias das liñas Emega -coas que a Xunta fomenta a iniciativa empresarial feminina-, recibirán clases en remoto para mellorar as súas habilidades tecnolóxicas.

Con esta iniciativa, Emegas XXI: Mulleres desenvolvedoras web, o Goberno galego espera que as emprendedoras poidan acceder a novos coñecementos que lles permitan ampliar as súas perspectivas e mesmo engadir propostas de valor ás súas ideas empresariais.

A formación arranca mañá e se desenvolverá ata o próximo 14 de maio. Consta de 160 horas lectivas nas que as alumnas recibirán unha introdución ao uso de ferramentas tecnolóxicas, ás linguaxes informáticas e de programación e a nocións de deseño gráfico.

A Xunta financia esta actividade con 18.000 euros, destinados aos custos do seu desenvolvemento, que correrá a cargo de expertos en enxeñaría técnica, formación e xestión documental.

Con esta medida, as mulleres participantes gañarán autonomía para poder xestionar a súa presenza web, deseñar ou cambiar as súas páxinas, ou deseñar blogs ou outros espazos partindo de coñecementos básicos das linguaxes, evitando depender para todo de servizos técnicos externos. Ademais adquirirán os coñecementos para poder comunicarse mellor con estes, de ser preciso.

O curso diríxese a mulleres de diferentes ramas de coñecemento: médicas, fisioterapeutas, dietistas e nutricionistas, veterinarias, arquitectas, avogadas, docentes, periodistas, filólogas... O Goberno galego traballa coa expectativa de que tras a formación poidan definir novas estratexias de negocio baseadas nos coñecementos adquiridos.

A formación terá un carácter eminentemente práctico, que permitirá ás participantes desenvolver o seu propio proxecto web unha vez rematada a actividade. Ofrécese en formato remoto, con clases gravadas e titorías individuais. Ademais as mulleres participantes contarán cun servizo inicial de mentorización.

Todas as mulleres participantes son beneficiarias do programa de emprendemento feminino Emega ao que a Xunta destinará este ano o seu maior orzamento da historia: 4,2 millóns de euros.

Nos últimos doce anos (2009-2021), a Xunta investiu neste programa máis de 14 millóns de euros para apoiar 1.134 iniciativas empresariais femininas, permitindo consolidar 2.113 postos de traballo ocupados por mulleres.