Xunta e USC revalidan o seu compromiso de colaboración para o fomento da cultura emprendedora feminina desde a universidade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo, comprométense a seguir a impulsar a iniciativa emprendedora entre as máis novas

A Xunta investirá en 2021 máis de 3,6 millóns ao programa Emega que apoia as mulleres que se deciden a montar os seus propios negocios

María Jesús Lorenzana destacou a importancia da colaboración coa universidade para o fomento da cultura empresarial da igualdade desde a base e na loita contra a violencia de xénero

  • Xunta e USC revalidan o seu compromiso de colaboración para o fomento da cultura emprendedora feminina desde a universidade
  • Xunta e USC revalidan o seu compromiso de colaboración para o fomento da cultura emprendedora feminina desde a universidade

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, vén de celebrar un encontro coa vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago (USC), María do Mar Lorenzo, para manter liñas de traballo conxunto cara o fomento da cultura emprendedora entre as universitarias e a loita contra a desigualdade e a violencia de xénero nas aulas.

Tal e como destacou a conselleira, a incorporación da perspectiva de xénero no ámbito empresarial e a promoción da igualdade son dous eixos de traballo prioritario para a Xunta, máis aínda no momento actual, no que a Comunidade está a preparar a saída da emerxencia sanitaria e a recuperación da actividade económica.

Desde hai anos, a USC colabora na titorización de mulleres do programa de emprendemento feminino Emega e en diferentes campañas de fomento da educación en igualdade e sobre os desafíos aos que se enfronta a empresa cara á incorporación da perspectiva de xénero nas organizacións. Non menos importante, tal e como subliñou Lorenzana, resulta o traballo conxunto coa USC para incluír en todas as etapas educativas a prevención da violencia de xénero mediante a realización de estudos sobre o impacto do acoso , agresións e abusos sexuais no ámbito universitario ou a formación sobre o uso axeitado e crítico de internet e as novas tecnoloxías e sobre os ciberdelitos.

A Xunta vén de reforzar nos orzamentos de 2021 as axudas do programa Emega de emprendemento feminino ao que se destinarán máis de 3,6 millóns de euros, o que supón máis do dobre que en 2020 (+108%). Refórzase co reto de seguir aproveitando a potencialidade das mulleres galegas e, así, continuar creando novas oportunidades de negocio no terreo da innovación, das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural, entre outros.

Emega inclúe catro liñas de actuación para apoiar ás mulleres con iniciativa empresarial que desexen materializar as súas ideas, contribuíndo tamén á creación de novos postos de traballo femininos. Así, a liña Emprende está destinada á posta en marcha de novas empresas; a liña Innova destínase á promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; Activa que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; e ITEF que se centra na posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

O ano pasado, a través de Emega apoiáronse 197 iniciativas empresariais de mulleres e se contribuíu á creación ou mantemento de 324 postos de traballo femininos. Trasladar a cultura do emprendemento desde a base, entre as mulleres máis novas, constitúe un reto para o que a Xunta seguirá a contar coas universidades galegas.

A Xunta tamén seguirá a colaborar coas entidades académicas no marco da prevención da violencia de xénero e na formación dos universitarios nunha efectiva cultura da igualdade entre homes e mulleres que se traslade ao ámbito profesional.