A Xunta e o Instituto da Muller asinan un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas destinados a promover a educación en igualdade e a prevención da violencia

O convenio persegue achegar a educación en igualdade ao ámbito escolar, para concienciar os máis novos na importancia de erradicar da sociedade os prexuízos de xénero e a violencia machista. En virtude deste acordo, que conta cun orzamento de 202.808 euros, realizaranse tamén actuacións para fortalecer os sistemas de información e asesoramento específico que reciben as mulleres galegas.

A Xunta de Galicia e o Instituto da Muller asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas e actuacións dirixidos especificamente ás mulleres, e encamiñados a concienciar a sociedade en xeral e as xeracións máis novas sobre a necesidade de acadar unha convivencia en igualdade.

Os diversos programas que recolle o acordo céntranse, sobre todo, na xente máis nova, para o que se porán en marcha diferentes iniciativas cos centros educativos e a comunidade escolar, implicando as nais e pais e o persoal docente nunha educación integral dos rapaces e rapazas en que os valores de igualdade e de prevención da violencia sexan prioritarios. 

Así mesmo, en virtude deste acordo, que conta cun orzamento de 202.808,00 euros, realizaranse actuacións para fortalecer os sistemas de información e asesoramento específico que reciben as mulleres galegas en temas relacionados co eido familiar, laboral, formativo, etc.

Erradicar da sociedade os prexuízos de xénero e a violencia machista

O convenio persegue achegar a educación en igualdade ao ámbito escolar, para concienciar os rapaces e rapazas máis novos na importancia de erradicar da sociedade os prexuízos de xénero e a violencia machista. Ademais, pretende impulsar a incorporación das mulleres en todos os sectores profesionais e sociais en igualdade de oportunidades.

Os programas que recolle esta iniciativa teñen diversos eidos de actuación. Así, o primeiro deles está centrado na formación en igualdade, onde se enmarca a 11ª Xornada de pais e nais; unha iniciativa con que pais, nais fillas e fillos reciben formación sobre educación en igualdade dun xeito ameno e divertido.

Doutra banda, o Programa Relaciona, de educación afectivo sexual, prevé realizar sesións de traballo co profesorado dos centros educativos sobre a afectividade e a sexualidade no ámbito escolar. Desenvolverase como programa piloto en varios centros da nosa comunidade durante o vindeiro curso.

Unha terceira actuación está encamiñada a favorecer o desenvolvemento do principio de mainstreaming, para prestar apoio ao persoal que xestiona nos municipios de Galicia as políticas de igualdade. Trátase de desenvolver campañas de formación e sensibilización ao persoal que desenvolve tarefas de asesoramento e información en materia de igualdade desde os concellos galegos.

O programa de empoderamento recolle iniciativas para favorecer a participación política, social, económica, cultural e deportiva das mulleres. Para iso, elaboraranse unidades didácticas, para o seu uso no eido docente, sobre a persistencia de desigualdades na nosa sociedade e a necesidade de combatelas: roles de xénero sociais, laborais, sexuais, etc.

O acordo prevé, tamén, desenvolver programas dirixidos a mulleres con discriminación múltiple: reclusas, ex-reclusas, xitanas, mulleres maiores, inmigrantes, mulleres que exercen a prostitución, discapacitadas, entre outras. E unha última actuación será a de impulsar políticas de igualdade entre as mulleres do medio rural a través de accións formativas e de difusión no ámbito rural.