A Xunta e o Consello da Cultura Galega elaborarán un informe sobre a situación laboral da muller neste sector

O vicepresidente, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o presidente do CCG, Ramón Villares, asinaron un acordo de colaboración para a realización desta análise estatística e cualitativa, que se enmarca dentro da Estratexia Galega da Cultura Galega 2021

Multimedia

O vicepresidente, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o presidente do CCG, Ramón Villares, asinaron un acordo de colaboración para a realización dun informe sobre a situación laboral da muller neste sector

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Consello da Cultura Galega (CCG) van colaborar na elaboración dun informe sobre as condicións sociolaborais da muller no ámbito cultural.

Así o subscribiron hoxe o vicepresidente, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e mailo presidente do Consello, Ramón Villares, nun acordo de colaboración institucional a través do cal o CCG será o encargado de elaborar o dito informe, que formará parte da Estratexia da Cultura Galega 2021.

O obxectivo é que -tomando como base estudos e informes cos que xa conta o Consello da Cultura- este organismo realice unha análise máis exhaustiva sobre a realidade sociolaboral da muller na cultura galega desde unha perspectiva estatística completándoa cunha investigación cualitativa. Nesta liña, farase unha explotación estatística da Mostra Continua de Vidas Laborais, e realizaranse un mínimo de 30 entrevistas co formato “historia de vida” a persoas que nalgún momento mantiveron unha actividade profesional relacionada coa cultura, especialmente dentro do ámbito das artes escénicas e do audiovisual.

O resultado deste informe -que conta cun prazo de doce meses de elaboración- darase a coñecer a través dunha publicación específica; e será incorporado á Estratexia da Cultura Galega 2021 na que está a traballar a Administración autonómica en colaboración co resto de sectores e entidades do ámbito cultural.

O vicepresidente sinalou a necesidade de que as mulleres conten coa mesma visibilidade e os mesmos salarios que os homes, tamén no mundo da cultura, e recordou que as políticas de igualdade da Xunta de Galicia son transversais e alcanzan a tódalas áreas de goberno.


Estratexia da Cultura Galega

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrou que este acordo vén a sumarse ao asinado hai unha semanas tamén co CCG para a elaboración dunha diagnose sobre o sector da cal se nutrirá a primeira Estratexia da Cultura coa que vai contar Galicia para os vindeiros anos.

Xunto co traballo de campo empírico e de carácter diagnóstico que fará o CCG, a Consellería de Cultura acaba de iniciar unha serie de xuntanzas territoriais e sectoriais con todos os axentes implicados no marco dun proceso participativo de reflexión e diálogo no que se integren institucións, entidades de base, asociacionismo, profesionais, empresas culturais, entre outros.

O obxectivo final é dispoñer dun documento rigoroso con obxectivos, liñas estratéxicas e medidas concretas que será a folla de ruta da planificación da acción cultural da comunidade autónoma para os vindeiros catro anos e na que se fixarán obxectivos, liñas estratéxicas e medidas concretas para reforzar o papel da cultura como piar na creación de riqueza e emprego.

Na sinatura de hoxe tamén estiveron presentes a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o xerente do CCG, Marcelino Fernández.

Tema: