Xunta e Fundación EOI analizan en Madrid os resultados do seu proxecto conxunto para o fomento do emprendemento feminino

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse co director da Fundación EOI, Fernando Bayón Mariné

O proxecto xurdiu dun convenio de colaboración asinado a finais de 2013 entre a Fundación, Igualdade e a Amtega

Puxeron en marcha a plataforma www.emprendedorasgalicia.es, especializada principalmente en produtos de emprendedoras galegas e pemes do ámbito rural

  • secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director da Fundación EOI, Fernando Bayón Mariné, mantiveron unha xuntanza de traballo
  • secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director da Fundación EOI, Fernando Bayón Mariné, mantiveron unha xuntanza de traballo

Madrid, 25 de xaneiro de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director da Fundación EOI, Fernando Bayón Mariné, mantiveron unha xuntanza de traballo co fin de analizar os resultados acadados no desenvolvemento do Proxecto para o fomento do emprendemento feminino, a innovación das pemes e emprendedoras galegas e a “Plataforma emprendemento feminino”.

O proxecto xurdiu dun convenio de colaboración asinado o 27 de decembro de 2013 entre a Fundación EOI, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para o desenvolvemento conxunto do Proxecto denominado “Plataforma Emprendemento en feminino”, como impulso da innovación e a competitividade das emprendedoras e Pemes galegas co fin de potenciar e fortalecer ás emprendedoras galegas e Pemes, a iniciativa empresaria feminina e o emprendemento innovador feminino en Galicia.

A Secretaria Xeral e o Director da EOI analizaron o desenvolvemento das catro fases da que consta o convenio. Na primeira fase, “Análise e diagnóstico do ecosistema de emprendemento feminino”, analizouse a situación actual das emprendedoras galegas e as pemes, con especial atención ao impacto que tiveron nos últimos anos os diferentes programas de axudas e subvencións públicas, en particular o Programa Emega.

A segunda fase, “Plan de difusión e captación de empresas participantes”, centrouse en tarefas de asesoramento ás emprendedoras e pemes involucradas no proxecto co fin de recoller información das mesmas, identificando as pautas a seguir no Desenvolvemento da plataforma.

A terceira fase -“Deseño e desenvolvemento da Plataforma de comercialización e outras funcionalidades- puxo en funcionamento a Plataforma de comercialización, “Plataforma Emprendemento en Feminino”, especializada principalmente en produtos de emprendedoras galegas e pemes do ámbito rural: www.emprendedorasgalicia.es.

É un portal para proporcionar ás emprendedoras galegas, especialmente do eido rural, unha canle para dar a coñecer e vender os seus produtos a nivel local, nacional e internacional. Un espazo na Rede orientado a que as emprendedoras poidan acceder ao comercio electrónico dun xeito sinxelo.

A cuarta e última fase está dedicada á difusión, comunicación dos resultados do proxecto, potenciar a imaxe das empresas e as actuacións levadas a cabo. Un claro exemplo foi o l Encontro de intercambio de experiencias entre profesionais, unha iniciativa organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade baixo o título de ‘A muller rural. Os retos: emprendemento, conciliación e corresponsabilidade’, que tivo lugar o día 15 de outubro, día no que se conmemora o Día Internacional da Muller Rural.

Tanto a secretaria xeral como o director xeral valoraron moi positivamente o desenvolvemento do proxecto e a necesidade da súa continuidade.