Xunta e Fegamp seguen impulsando actuacións coordinadas e conxuntas contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaron esta mañá o acordo de colaboración para o impulso da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero

Ademais, ambas as entidades seguirán promovendo conxuntamente a constitución ou activación das mesas locais de coordinación interinstitucional para ofrecer unha atención máis eficaz ás vítimas de maltrato

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaron esta mañá o acordo de colaboración
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaron esta mañá o acordo de colaboración
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaron esta mañá o acordo de colaboración
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, asinaron esta mañá o acordo de colaboración
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para impulsar a Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero, renovando así o protocolo que xa se asinara no ano 2012.
 
Actualmente, hai 178 entidades locais adheridas a esta rede: 67 na provincia da Coruña; 35 en Lugo; 35 en Ourense; e 41 en Pontevedra. Só no que vai de 2017 adheríronse 10 novos concellos e 3 mancomunidades.
 
As entidades locais que forman parte desta rede teñen acceso todos os anos ás actividades gratuítas que lles oferta a Secretaría Xeral da Igualdade en materia de sensibilización contra a violencia de xénero e promoción da igualdade.
 
Este ano púxose á disposición das entidades un amplo abano de propostas, moitas delas dirixidas á concienciar á mocidade, un colectivo especialmente vulnerable. Ese é o obxectivo, por exemplo, dos obradoiros educativos “Violencia de xénero e o novo contexto dixital” que se centra en fomentar a prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital.
 
Tamén está dirixido á xuventude o espectáculo lúdico musical e pedagóxico “I’ll be watching you II” (Hei estar vixiándote II), que analiza os roles de xénero que trasmiten as cancións de temática amorosa; así como as dúas exposicións gráficas “Á violencia de xénero...Dille NON!”, que busca axudar á mocidade a identificar e rexeitar condutas sexistas, e “Cartas de Amor”, tamén centrada na violencia de xénero e a mocidade.
 
Neste abano de actividades, tamén se inclúe un curso de defensa persoal e autocapacidades, que se imparte en colaboración coa Federación Galega de Loita e conta con monitores especialistas en defensa persoal para ensinar ás mulleres a facer fronte a diversas situacións.
 
Outras das iniciativas máis relevantes desta Rede é o programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sufran de maneira directa ou indirecta de violencia de xénero; as charlas informativas sobre violencia de xénero a cargo de persoal do Centro de recuperación integral (CRI) de Santiago de Compostela, ou as charlas sobre trata de seres humanos.

Impulso ás mesas de coordinación

Tanto a Xunta como a Fegamp defenderon a necesidade de traballar de forma coordinada para axudar ás vítimas e combater a lacra da violencia de xénero, unha loita na que xogan un papel moi importante as Mesas locais de coordinación institucional (MLC) contra a violencia de xénero.

As MLC son un instrumento operativo na que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero. O seu obxectivo é procurar unha maior eficiencia na resposta ás vítimas.

En novembro de 2015 a Xunta elaborou unha guía práctica para dar as claves para a constitución destas mesas nos concellos galegos, que está dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

En 2016 deuse un paso máis para buscar modelos de traballo conxunto para a mesas, polo que se iniciou unha segunda fase de activación a través precisamente da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Este ano 2017 o traballo continuou cunha serie de encontros nas catro provincias para definir boas prácticas e intercambiar experiencias. Grazas a estes en encontros, que tiveron lugar entre marzo e abril, constituíronse este ano 8 mesas locais máis en Cuntis, A Lama, Mancomunidade de Santa Águeda, Lousame, Santiago de Compostela, Tomiño, Mondoñedo e Chantada.

Tema: