Xunta e Federación Galega de Taxistas colaborarán no traslado gratuíto de vítimas de violencia de xénero a casas de acollida

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente de Fegataxi, Manuel Sánchez Quindimil, asinaron hoxe un convenio de colaboración nesta liña

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou un convenio de colaboración en materia de violencia de xénero coa Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi)
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou un convenio de colaboración en materia de violencia de xénero coa Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi)

Santiago, 11 decembro de 2013.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha experiencia piloto de apoio ao traslado das mulleres vítimas da violencia de xénero aos centros de acollida de Galicia.

O convenio recolle que tanto as mulleres, como os seus fillos e fillas ou calquera outra persoa dependente delas serán trasladados gratuitamente en taxi entre o lugar no que se atopen e calquera dos seis centros de acollida galegos, cando as especiais circunstancias da vítima, valoradas convenientemente polos servizos sociais -municipais ou autonómicos-, imposibiliten o seu traslado por outros medios.

A Secretaría Xeral da Igualdade comprométese a facilitar a Fegataxi o material informativo e de sensibilización e prol da eliminación da violencia de xénero que elabore, así como a poñer a súa disposición contidos formativos sobre violencia de xénero a incluílos no seu programa de formación para permitir aos profesionais do taxi ampliar os seus coñecementos e coñecer pautas de actuación adecuadas cando realicen un traslado cunha muller vítima de violencia de xénero.

Pola súa banda, a Federación de taxistas porá a disposición de Igualdade un teléfono de atención permanente ou calquera outro sistema de comunicación, que permita un contacto directo 24 horas para poder efectuar os traslados. Igualmente, comprométese a difundir a iniciativa entre todas as asociacións que a integran e a contribuír á sensibilización social no rexeitamento conxunto da violencia de xénero, contribuíndo ademais á difusión do material que puidese facilitarlle a Secretaría Xeral da Igualdade.

A colaboración establecida entre Igualdade e Fegataxi non substituirá en ningún caso aos traslados que se realicen dende outras administración públicas con competencias na materia, nin aos traslados que deban efectuarse con acompañamento de forzas e corpos de seguridade.