A Xunta e a CRTVG avanzan no tratamento da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade presentou coas directoras da TVG e a RG o ‘Curso sobre tratamento informativo da Violencia Machista para o persoal da CRTVG’

Durante tres días os profesionais do ente autonómico poderán reflexionar sobre a experiencia das prácticas xornalísticas que se han de consolidar a través do tempo

A encargada de impartir as clases será a xornalista Pilar López, doutora en Comunicación e experta en comunicación e xénero

  • López Abella presentou en rolda de prensa o Curso sobre tratamento informativo da Violencia Machista para o persoal da CRTVG
  • López Abella presentou en rolda de prensa o Curso sobre tratamento informativo da Violencia Machista para o persoal da CRTVG

Santiago, 10 de xuño de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou esta mañá na sede da CRTVG que un correcto tratamento da violencia de xénero nos medios audiovisuais galegos axudará a crear as condicións necesarias para resolver este grave problema.

López Abella presentou en rolda de prensa o Curso sobre tratamento informativo da Violencia Machista para o persoal da CRTVG, no que o ente autonómico colabora coa Secretaría Xeral de Igualdade. Durante o acto, a secretaria xeral estivo acompañada das directoras da TVG e RG, Rosa Vilas e Rosa Martínez, respectivamente, e da periodista Pilar López, doutora en Comunicación e experta en comunicación e xénero.

Segundo a responsable da Igualdade, con esta colaboración coa CRTVG a administración autonómica pretende reforzar a integración do principio de transversalidade de xénero na actuación xeral da administración pública galega, de cara a conseguir unha maior eficiencia na intervención a favor da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

A directora da TVG, Rosa Vilas, incidiu en que os medio públicos teñen que educar e a responsabilidade e a obriga de ser exemplares; por iso felicitouse de poder ofrecer ao persoal do ente público dun curso destas características, para abordar un tema como o da violencia de xénero, “que tantas aristas ten”. Pola súa banda, a directora da Radio Galega, Rosa Martinez, incidiu no valor de concienciación da “traxedia” da violencia de xénero e apostou por evitar o sensacionalismo e os datos morbosos, respectando ás vítimas e buscando fontes solventes de información”.

Tres días para reflexionar
Durante tres días, de hoxe ao mércores, os profesionais da CRTVG poderán reflexionar sobre a experiencia das prácticas xornalísticas que se han ir consolidando a través do tempo e as súas posibles consecuencias. O obxectivo do curso é proporcionarlles as ferramentas necesarias para encarar este tipo de noticias de xeito máis inclusivo, creativo, auténtico e non sesgado.

Neste sentido, intentará resolverse a cuestións como que queremos que a xente saiba sobre a violencia de xénero; por que existe a violencia machista; por que hai qué informar sobre ela ou a toma de posición da profesión xornalística sobre este asunto. Así mesmo, debaterase sobre a identificación da persoa agredida e ao agresor; a linguaxe a utilizar, que é información útil ou as fontes da información da violencia machista; entre outros aspectos.

Pilar López Díez
A encargada de impartir o curso será Pilar López Díez, doutora en Ciencias da Información, licenciada en Xornalismo e profesora de primaria.Traballou como xornalista na cadea SER, Onda Madrid e RNE e na última década deu máis de vinte cursos de formación en xénero para xornalistas, entre outros, para RTVE desde 2001 ata 2008.

No seu longo currículo, destacan, entre outros asuntos, o seu asesoramento á Canle Sur no Código sobre tratamento informativo da violencia de xénero (2011) e ao diario Público nos contidos do único código autorregulatorio que houbo en España, o Decálogo e o Manual para redactar noticias sobre violencia de xénero, de obrigado cumprimento para a redacción.

Tamén participou na elaboración do Manual de Urxencia sobre tratamento das noticias sobre a violencia contra as mulleres de RTVE adoptado por Antena3, Telecinco, ABC, Onda Cero e a maioría de televisións autonómicas. (2002).

Tema: