A Xunta destinou nos últimos catro anos máis de 2,6 M€ a entidades sen ánimo de lucro para a inserción laboral de 289 vítimas de violencia de xénero

Este programa permite o desenvolvemento de itinerarios personalizados que favorezan a integración das vítimas no mercado laboral e así avanzar na súa recuperación integral

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a Asociación de Empresarios de Mos, que recibiu desde 2016 uns 280.000 euros ao abeiro destas axudas para contratar a unha trintena de mulleres.
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a Asociación de Empresarios de Mos, que recibiu desde 2016 uns 280.000 euros ao abeiro destas axudas para contratar a unha trintena de mulleres.
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a Asociación de Empresarios de Mos, que recibiu desde 2016 uns 280.000 euros ao abeiro destas axudas para contratar a unha trintena de mulleres.

Mos (Pontevedra), 27 de novembro de 2019.

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a Asociación de Empresarios de Mos, que recibiu desde 2016 uns 280.000 euros ao abeiro destas axudas para contratar a unha trintena de mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a Asociación de Empresarios de Mos, unha das organizacións beneficiarias da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de desemprego.

A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 659.719 euros no marco do desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dos que 165.247 euros se concederán neste exercicio e os 494.471 restantes en 2020. Nos últimos catro anos, o Goberno galego investiu máis de 2,6 millóns de euros neste programa que permitiu a inserción laboral de 289 vítimas de violencia de xénero.

No caso da Asociación de Empresarios de Mos, na convocatoria actual recibirá 70.000 euros para empregar a seis mulleres, que se suman aos 280.000 euros que percibiu ao abeiro destas axudas da Xunta desde 2016 e a través das que levou a cabo a contratación dunha trintena de mulleres vítimas desta lacra.

López Abella destacou que as vítimas de violencia de xénero precisan ferramentas para incorporarse a un posto de traballo porque supón un paso fundamental para lograr unha maior autonomía ao acadar a independencia económica. Nesta liña, incidiu en que a falta de recursos propios, en especial dun emprego, dificulta en moitas ocasións, a ruptura coa situación de violencia. Por iso, este programa da Xunta contribúe precisamente a apoiar ás vítimas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para a súa recuperación integral.


Entre as accións subvencionables inclúense itinerarios de inserción que aborden un plan de acción personalizado para a busca de emprego de cada muller participante, o asesoramento na busca ou a mediación laboral e o contacto con empresas xestionando posibles ofertas. Outras actuacións están dirixidas á formación para o emprego, co obxectivo de capacitar ás participantes para o seu acceso ao posto de traballo cunha actualización e mellora das súas competencias profesionais.
A Xunta tamén financia a través destas axudas actuacións de apoio á conciliación, ao poñer á súa disposición servizos de atención persoal ou familiar, no fogar ou nun recurso comunitario, coa finalidade de facilitar a participación destas mulleres nas actividades do seu itinerario de inserción sociolaboral ou de formación para o emprego.

Axudas a entidades locais

Por outra parte, o Goberno galego puxo en marcha por primeira vez este ano outra orde de axudas para fomentar a contratación de vítimas de xénero nas entidades locais galegas. A convocatoria deste ano, dotada cun orzamento inicial de 800.000 euros, foi ampliada en dúas ocasións ata acadar preto de 1,6 millóns de euros. Estas ampliacións permitiron a contratación de 79 mulleres en 12 concellos galegos. O municipio de Mos foi un dos beneficiarios destas axudas, cunha aportación de 259.228 euros da Xunta á contratación de 11 mulleres que sofren violencia de xénero para a realización de obras ou servizos de interese xeral, ata un máximo de 12 mensualidades.