A Xunta destinou máis de 135.000 euros nos últimos cinco anos ao funcionamento do Centro de información da muller de Cee

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou o Centro que o ano pasado recibiu máis de 1.600 consultas e atendeu a máis de 400 persoas

Multimedia

Susana López Abella na visita ao Centro de Información á Muller de Cee

Cee, 12 de novembro de 2013. A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) de Cee, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e da alcaldesa da localidade, Zaira Rodríguez.

López Abella acudiu ao municipio coruñés dentro da rolda de visitas que está a facer aos distintos CIMs espallados pola xeografía galega. A secretaria manifestou o apoio da Xunta a estes centros, que reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.

As axudas achegan para este ano 3,3 millóns de euros a programas de promoción da igualdade, prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e apoio aos CIMs, dos que se benefician máis de 200 concellos galegos.

No caso concreto de Cee, o concello recibiu desde 2009 máis de 135.000 euros por parte do Goberno galego para o funcionamento do CIM, que conta con dous traballadores -dedicados ao asesoramento psicolóxico e xurídico- e tan só o ano pasado atendeu a máis de 400 persoas e 1.600 consultas.

Ademais, o concello está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

Tema: