A Xunta destinou máis de 100.000 euros nos últimos tres anos ao funcionamento do Centro de Información á Muller do Grove

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou o Centro que o ano pasado recibiu unhas 1.300 consultas e atendeu a máis de 500 persoas

  • Susana López Abella na súa visita ao Centro
  • Susana López Abella na súa visita ao Centro

O Grove, 31 de outubro de 2013. A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) do Grove, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do alcalde da localidade, Miguel Ángel Pérez García.

López Abella acudiu ao municipio pontevedrés dentro da rolda de visitas que está a facer aos distintos CIMs espallados pola xeografía galega. A secretaria manifestou o apoio da Xunta a estes centros, que reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.

Estas axudas, publicadas a principios de mes no DOG, achegan para este ano 2013 máis de tres millóns de euros a programas de promoción da igualdade, prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e apoio aos CIMs, dos que se benefician 203 concellos galegos.

No caso concreto do Grove, o concello recibiu desde 2009 máis de 144.000 euros por parte do Goberno galego para o funcionamento do CIM e para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade, de conciliación e de prevención da violencia de xénero. Ademais, no que atinxe exclusivamente ao mantemento do Centro, a achega da Xunta de Galicia ascendeu a máis de 100.000 euros nos últimos tres anos; dos cales 35.500 euros corresponden á actual convocatoria.

O programa dedicado aos CIMs ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O CIM do Grove conta con tres traballadoras -psicóloga, asesora xurídica e axente de Igualdade- que o ano pasado atenderon a máis de 500 persoas e 1.300 consultas. Ademais, o propio concello está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.