A Xunta destina preto de 5,4 millóns de euros ás axudas para promocionar a igualdade nas entidades locais galegas

   As axudas teñen como obxectivo facilitar a implantación de programas e medidas de igualdade no ámbito local, co obxecto de favorecer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a erradicación da violencia de xénero

   As bases recollen a concesión de anticipos do 75% das subvencións concedidas, co fin de que as entidades locais dispoñan de recursos iniciais que lles permiten facer fronte aos gastos derivados das accións obxecto de subvención

   Como novidade nesta convocatoria, incorpórase unha nova liña derivada do Pacto de Estado, que abarca un conxunto de medidas nas que as entidades teñen a oportunidade de participar e colaborar na promoción da igualdade e na erradicación da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018.-O Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria das axudas para entidades locais para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero, cun orzamento de preto de 5,4 millóns de euros.

O obxectivo principal destas axudas é facilitar a implantación de programas e medidas de igualdade no ámbito local en Galicia, co obxecto de favorecer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a erradicación da violencia de xénero; promover actuacións que favorezan a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, e impulsar o funcionamento e a consolidación dos centros de información ás mulleres (CIM), nos que se prestan os servizos de información e asesoramento, ofrecendo unha atención integral e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación socio laboral ás mulleres en situación de vulnerabilidade, en particular, a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se encontran nalgunha situación de especial vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación persoal, social, laboral e profesional. 

Por outro lado, e como novidade nesta convocatoria para o ano 2019, incorpórase unha nova liña de actuación derivada do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que recolle unha liña específica de crédito para as entidades locais e un conxunto de medidas nas que as entidades locais teñen a oportunidade de participar e colaborar na promoción da igualdade e na erradicación da violencia de xénero.

As bases reguladoras prevén a concesión de anticipos do 75% das subvencións concedidas, co fin de que as entidades locais dispoñan de recursos iniciais que lles permiten facer fronte aos gastos derivados das accións obxecto de subvención, así como a adquisición de compromisos de gasto de carácter plurianual, para o caso do Programa de apoio aos centros de información á muller.

Poderán ser obxecto de subvención, os programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero; de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM); e de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, este último no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O programa de fomento da conciliación subvenciona as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 € no caso de solicitude individual é ata 22.000 € se é unha solicitude conxunta de varios concellos. Conta cun orzamento de 797.065 euros, que supón un incremento do 52% respecto ao consignado no ano 2018, en coherencia co Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021.

O programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero outorga axudas para actuacións de promoción da igualdade, especialmente coas mulleres que sofren algunha circunstancia de vulnerabilidade e intervencións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes, e dirixidas a impulsar unha atención profesional de maior calidade con accións de empoderamento, autoestima, accións de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico especializado, de atención directa a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. Conta cun orzamento de 352.000 euros.

Outra das liñas de axudas é o programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM), co fin de reforzar a súa funcionalidade e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles son subvencionables a existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, para a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 € no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 € no caso dunha solicitude conxunta. Conta cun orzamento de 3.411.353 €.