A Xunta destina máis de 487.000 euros a fomentar a promoción da igualdade nos concellos da área territorial de Vigo

Son once os concellos beneficiarios para a posta en marcha destes programas

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou das axudas para programas de fomento da conciliación, promoción e difusión da igualdade e prevención da violencia de xénero e apoio aos Centros de Información ás Mulleres
  • A Xunta destina máis de 487.000 euros a fomentar a promoción da igualdade nos concellos da área territorial de Vigo

Vigo, 26 de xuño de 2019.-

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, destinará 487.044,44 euros aos concellos da área territorial de Vigo para fomentar a promoción da igualdade. Así o confirmou hoxe Susana López Abella, quen informou en rolda de prensa da resolución das axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade 2019, que este ano, en toda Galicia, achegan máis de 5 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. No que atinxe a provincia de Pontevedra a cantidade é de case 1,5 millóns de euros a repartir entre 44 entidades locais.

Tal e como explicou, este tipo de axudas distribúense en catro liñas de actuación: fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; apoio aos centros de información ás mulleres e a sensibilización; e información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.

A liña de axudas para programas de fomento da conciliación engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; como por exemplo os bancos de tempo. En concreto, son beneficiarios Vigo e Redondela con unha achega de 12.000 euros cada un.

A segunda liña, a destinada a posta en marcha de programas de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. Neste caso son 9 os concellos que reciben subvención chegando aos 47.294,4 euros. Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior (agrupados), O Porriño e Vigo.

En canto ao programa de apoio aos Centros de Información da Muller, que ten coma obxectivo reforzar a funcionalidade destes centros e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, recibe a maior contía para apoiar a labor de 10 CIMs da área con 344.521,2 euros.

Xa por último, respecto as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres contarán con axuda 10 entidades locais da área e 71.228,84 euros en conxunto, sendo Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, Soutomaior, O Porriño e Vigo os beneficiarios.

En canto ao pagamento da concesión, López Abella aclarou que se formalizará un primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado. En canto ao 25% restante, segundo dixo, librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.