A Xunta destina máis de 4,2 millóns de euros aos concellos galegos para promoción da igualdade e apoio aos CIM

A convocatoria engloba a promoción da conciliación, a prevención e tratamento da violencia de xénero e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres

Poderán ser beneficiarios os concellos, agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais de Galicia

Multimedia

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2018.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas ás entidades locais para a promoción da Igualdade, de forma individual e xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, cun orzamento que supera os 4,2 millóns de euros.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Mediante esta convocatoria, a Xunta pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia.

Esta convocatoria vén a reforzar a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa un incremento de puntuación, e polo tanto de subvención, para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

A liña destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución, conta cun orzamento de 352.000 euros.


A liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar está destinada a colaborar no financiamento de programas de conciliación que engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como por exemplo os bancos de tempo. Esta liña conta cun orzamento de 524.926 euros.

Axudas aos CIM

O Goberno galego destina para o funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres, un total de 3.371.685 euros. Ao abeiro deste programa financiarase o persoal que traballa nos centros, en concreto, os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade dentro das actuacións que se desenvolven nos CIM.

 
Tema: