Galicia conta con 3 casas de acollida, 3 vivendas tuteladas e un centro de emerxencia que ofrecen 84 prazas temporais de acollida ás mulleres e ás súas fillas e fillos e que están situadas na Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada
Na Rede Galega de Acollemento de vítimas de violencia de xénero residiron 114 mulleres e 89 menores en 2021
O centro de Ourense é un dos sete recursos -casas de acollida, vivendas tuteladas e o centro de emerxencia (o CEMVI de Vigo)- que forman parte da Rede Galega de Acollemento pola que pasaron en 2021 un total de 114 mulleres vítimas da violencia de xénero e 89 menores.
Co convenio, dotado con 252.000 euros con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, garántese o mantemento da casa de acollida, a única en Ourense, para mulleres que sofren violencia de xénero e ás súas fillas e fillos, garantíndolles un espazo de protección e de recuperación.
A Fundación de Solidariedade Amaranta, como titular deste centro de acollida, xestiona a vivenda desde o pasado ano 2019. Desde entón deu servizo a un total de 110 persoas, 60 mulleres vítimas e 50 rapazas e rapaces menores de idade.
Neste 2022, os centros de acollemento, situados nas localidades da Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada, contan cun total de 84 prazas e disporán de apoios da Xunta por valor de 691.850€.
Desde 2009, un total de 3.274 persoas (1.799 mulleres e 1.475 menores) foron atendidas polos centros da Rede de Acollemento para vítimas da violencia de xénero. Entre 2009 e 2022, a Xunta terá destinados más de 4,8 millóns de euros a garantir o funcionamento e a continuidade destes recursos imprescindibles como paso previo á vida autónoma.
Estes recintos ofrecen apoio residencial e temporal e atenden e contribúen á recuperación das mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao seu cargo. Ofrécenlles un espazo de protección coa garantía dun tratamento integral que presta atención a aspectos de carácter psicolóxico, educativo, sociolaborais e xurídicos, co obxectivo de favorecer a normalización da situación persoal, da unidade familiar e, en definitiva, a superación dos efectos da violencia.