- Galego
- Castellano
A contía de maior volume foi destinada aos concellos, cun montante de 1,4 millóns, seguidos das entidades sen ánimo de lucro que traballan en áreas como o apoio ás mulleres inmigrantes ou en contextos de prostitución que percibiron 406.817 euros.
O Concello da capital encabeza o importe das axudas, con máis de 198.000 euros, destinados ao CIM e á Casa de Acollida.
Lugo, 15 de setembro de 2011. -Os concellos de Lugo, as asociacións e as entidades de iniciativa social que traballan na provincia en programas de atención a mulleres recibiron un total de 1.910.208 euros da Secretaría Xeral da Igualdade no trienio 2009-2011 para o desenvolvemento da súa actividade no ámbito da igualdade de oportunidades, segundo informou esta mañá a titular do departamento, Marta González, no trascurso dunha rolda de prensa ofrecida en Lugo na que tamén participou a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.
O volume máis significativo de axudas, cun total de 1.406.558 euros, foi destinado aos concellos, a través de liñas de apoio aos Centros de Información á Muller, CIM, ás casas de acollida, a programas para a promoción da igualdade, a conciliación e a prevención da violencia de xénero. Pola súa banda, as entidades sen ánimo de lucro percibiron 406.817 euros, para o desenvolvemento da súa actividade en áreas como o acompañamento e apoio a mulleres inmigrantes ou atención integral a mulleres en contextos de prostitución, unha partida que se verá incrementada ao longo deste ano, unha vez que se resolva nas próximas semanas a convocatoria correspondente a 2011. As axudas de Igualdade á provincia neste trienio complétanse cos 96.833 euros destinados a asociacións para a organización de actividades dirixidas a estimular a participación da muller.
As axudas aos CIM representan a principal partida
A liña de axudas aos concellos ten unha especial relevancia no marco das actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade, por considerar que son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal e profesional, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica da súa poboación.
Neste contexto, a rede de 11 CIMs absorbe case un 55% do total de axudas de Igualdade na provincia de Lugo neste periodo, cunha partida de 1.047.752 euros. O Concello de Lugo é o principal beneficiario, con 198.470 euros, dirixidos ao CIM da capital e á Casa de Acollida municipal. Destacan, asemade, os restantes dez concellos da provincia que teñen centros de información ás mulleres, Monforte, Viveiro, Palas de Rei, Burela, Ribadeo, Vilalba, Quiroga, Chantada, Mondoñedo e Sarria.
Este ano por primeira vez, a Secretaría Xeral da Igualdade realizou un pago anticipado ás corporacións locais do 80% das cantidades concedidas, tendo en conta as dificultades económicas conxunturais polas que están a pasar.
Un total de 17 mulleres vítimas de violencia perciben axudas mensuais
En relación ás estatíticas de violencia de xénero relativas ao primeiro semestre deste ano, a titular de Igualdade informou da concesión de axudas mensuais a 17 mulleres residentes na provincia de Lugo, vítimas de violencia de xénero. Estas axudas teñen unha duración máxima dun ano e son pagadas en mensualidades por importes que oscilan entre os 300 e os 800 euros, en función da situación laboral e familiar da vítima.
Nese mesmo periodo os casos de violencia de xénero comunicados polos xulgados, con adopción de medidas de protección, ascenderon a 75. Participaron en programas de atención psicolóxica 28 mulleres e 8 menores vítimas de violencia no fogar e un home asistíu ao programa Abramos o círculo, de atención psicolóxica a varóns con problemas de control da violencia no ámbito da parella.
Completan o balance do primeiro semestre a certificación obtida por 17 mulleres da provincia aos efectos da incorporación ao programa de inserción laboral da Consellería de Traballo e os informes obtidos por 20 mulleres para a concesión de vivenda do Programa Aluga, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.