A Xunta destina case 347.000 euros, un 9% máis, aos concellos da área territorial de Vigo para a promoción da igualdade

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deron conta hoxe das axudas.

Engloban a promoción da igualdade entre homes e mulleres, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres.

Esta convocatoria priorizou os proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e incremento de subvención para os concellos que presentaran solicitudes conxuntas.

Os concellos de Vigo e Redondela son os que reciben unha maior contía con axudas que rondan en ambos dous casos os 57.000 euros.

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deron conta hoxe en rolda de prensa da resolución da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade

Vigo, 21 de outubro de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deron conta hoxe en rolda de prensa da resolución da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que este ano ascenden a 3,4 millóns de euros, un 4% máis con respecto ao ano pasado.

Na área territorial de Vigo, as axudas ascenden a preto de 347.000 euros, o que supón un incremento superior ao 9% (29.000 euros máis) con respecto á convocatoria do pasado ano. Esta liña de subvencións aos concellos, coma explicou López Abella, se distribúe en tres liñas de actuación, que son os programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; o programa de fomento da conciliación e o programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

No conxunto da área viguesa, son beneficiarios un total de 11 concellos: Baiona, Cangas, Gondomar, Nigrán, Moaña, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Redondela, Soutomaior e Vigo, sendo este último un dos que recibe unha maior contía cun importe total de 57.000 euros. Ademais, coma matizou a secretaria xeral, no que respecta ás axudas aos CIM, os municipios recibirán un pagamento anticipado do 80% do importe das axudas concedidas no momento no que se lles notifica a resolución.

López Abella destacou tamén que a resolución destas axudas, publicada recentemente no DOG, reflicte a aposta do Goberno galego pola cooperación entre municipios e a prestación conxunta de servizos. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia e en beneficio para os cidadáns.

Tres liñas de subvencións
As axudas para promoción da igualdade engloban tres programas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres.

1) O Programa de promoción da igualdade entre mulleres e homes está destinado a medidas como actividades de coeducación dirixidas á poboación infantil e xuvenil ou elaboración de plans municipais de igualdade de oportunidades. A liña de prevención e tratamento da violencia de xénero a accións de prevención deste problema e intervencións de carácter integral coas vítimas. Na área de Vigo, este programa recibe un total de 21.016,73 euros.

2) Pola súa banda, o programa destinado á conciliación subvenciona todas aquelas accións que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, como os bancos de tempo ou os plans de programación do tempo das cidades. Neste caso, os municipios da área de Vigo reciben un total de 39.451,11 euros e son destacables, por exemplo, o programa do Concello de Vigo de servizo de atención domiciliaria á infancia, subvencionado con 12.000 euros, ou o programa municipal de conciliación presentado polo Concello de Redondela, ao que tamén se lle outorgaron 12.000 euros.

3) Por último, o programa dedicado aos CIM, ten por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes. Este é o programa que recibe un maior volume de investimento para os concellos da área territorial de Vigo cunha contía de 285.866,54 euros.

Tema: